AGFA do Eume reclama investigación para preservar e potenciar a froita autóctona

A comercialización é o maior problema do sector, que ten cada vez máis demanda


SAN SADURNIÑO / LA VOZ

Ramiro J. Martínez Picos, vicepresidente da Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume (AGFA) leva tempo advertíndoo: «Cada día que pasa desaparecen variedades autóctonas de froiteiras [...], hai un serio perigo de extinción, por mor da imposición dun reducido número de variedades comerciais e de distribución mundial». Sostén que a froita autóctona «ten unha demanda alta» e constata que «a xente, en xeral, prefire plantar estas variedades, pero quen ten plantacións máis grandes soe ir a variedades foráneas, xa que non existe seguridade, nalgúns sectores produtivos, de que vaia ter saída, por descoñecemento ou por falta de ensaios serios a nivel oficial».

O representante de AGFA do Eume incide en que «en Galicia non hai nin unha soa persoa en nómina [da Xunta] destinada á investigación das froiteiras». «Non temos un campo de ensaio cunhas variedades sobre as que se poda saber cales son os patróns máis aconsellables, que funcionan mellor, ou cal é a produtividade que teñen», critica. En ausencia deste tipo de datos «a mellor variedade para unha zona é sempre a que se planta nesa zona; non val que se venda ben se non se dá». Os ensaios corren a cargo dos propios fruticultores. «E ti vas orientando a outros en función da túa experiencia, de ir probando», abunda Manolo Varela, produtor e concelleiro de Desenvolvemento Local de San Sadurniño.

O arboreto galego de San Sadurniño, o máis parecido a un campo de ensaio

Neste municipio púxose en marcha hai varios anos un arboreto galego, unha especie de xardín botánico dedicado a preservar o cultivo de árbores autóctonas. «É o máis parecido a un campo de ensaio, naceu no 2008 e empezouse a plantar no 2009, ten máis de 250 variedades. Temos que repoñer algunha, porque hai algún problema cos coellos, e meter outras novas», indica. E insiste na idea que expoñía Martínez Picos: «Ao marxe das variedades que che gusten máis ou menos, ou que sexan máis atractivas para comercializar, está como responde cada unha a cada terreo, cales son máis propensas a enfermidades...».

Cando lle toca asesorar, Varela recorda que «se unha especie responde ben na Cortiña [onde se sitúa o arboreto], darase mellor en calquera solo de características similares, porque as condicións non son as máis óptimas, un val, nunha zona inundable, ao pé do río, con moita néboa.... E algunhas responden perfectamente». Desde o Concello tamén organizan a Feira Rural, a finais de agosto, cun concurso de froita autóctona, que desde o ano pasado se complementa cunha degustación, que serve de pequeno estudo de mercado. A mazá da sega foi a que sacou a mellor puntuación entre os participantes.

 «Tes que buscarlle saída por fóra»

A Luis Regueiro Varela (A Capela, 37 anos) sempre lle gustaron as peras e o ano pasado plantou 86 pereiras de catro variedades autóctonas, entre elas a urraca e a sevillana (galega, malia o nome), e unha foránea. Tamén ten castiñeiros e nogueiras, todo preto da súa casa, na parroquia de Doroña, en Vilarmaior. «O máis difícil é darlle saída á froita, teño un supermercado en Campolongo [Pontedeume], pero o problema é que todo o mundo ten horta e cando ti tes froita eles tamén. Tes que buscarlle saída por fóra», recoñece.

Este produtor ecolóxico ve máis mercado para a transformación que para o consumo en fresco. El tamén pertence a AGFA do Eume e experimenta: «Hai variedades identificadas como diferentes e ao final é a mesma con nomes distintos en cada zona».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

AGFA do Eume reclama investigación para preservar e potenciar a froita autóctona