O galego que debuxa a Son Goku

FERROL CIUDAD

JOSE PARDO

Máis ca un fan. David, máis coñecido como GoChi, é un referente no universo «Dragon Ball». Desde Ferrol colaborou co «sensei» xaponés responsable dunha das últimas versións de Son Goku e creou o seu propio manga inspirado no cómic

10 mar 2020 . Actualizado a las 16:22 h.

«É un gran misterio, é unha conmoción». Quen non lembra esta estrofa da cabeceira que cada tarde, ás 17.30 horas, mantiña pegados ás súas televisións a milleiros de rapaces galegos? David Prieto, máis coñecido como GoChi, era un deles. Agora ten 42 anos e é un dos debuxantes máis respectados en todo o mundo sobre a saga de Goku, Krilin e Vexeta. A súa páxina e a editorial chámanse Cerditos de Guinea. Unha homenaxe a unha cobaia que tiña de cativo e que tamén bautizou o seu primeiro fanzine. Gochi recíbenos no seu estudio de Ferrol, rodeado de impresionantes ilustracións do cómic manga máis famoso en Galicia grazas á emisión da TVG inaugurada un 9 de febreiro de 1990. «Tiña 12 anos. Claro que me lembro daquela tarde vendo os debuxos. O primeiro episodio das Bólas Máxicas impresionou», conta. A novela gráfica de Akira Toriyama marcou un antes e un despois nos gustos dos rapaces galegos e na historia da canle pública.

«Nin sequera eles agardaban que tivese tanto éxito. Coido que viña nun lote adquirido nun mercado internacional. O doutor Slump e Arale, do mesmo creador, Toriyama, pasaron sen pena nin gloria. De luns a venres, cada día poñían na tele uns debuxos diferentes. Os martes eran as Tartarugas Ninja, os xoves tocáballe a Son Goku. Foi radical! Entón, os debuxos tiñan unhas temáticas digamos... infantís. Dragon Ball enganchou aos rapaces do instituto. No recreo, os venres, só se falaba diso. Nuns debuxos iso era moi raro. Fun deses cativos que creceu enganchado. Se houbese Twitter sería trending topic sempre. A hora de Son Goku era sagrada», sorrí o ilustrador.

Dragon Ball enganchou aos rapaces do instituto. No recreo só se falaba diso. Se houbese Twitter, sería trending topic sempre

son
GoChi

CENSURADO

Na dobraxe en galego Antonio Durán, Morris, era o mestre Mutenroi, e tiña un encanto especial. «Quedabas impactado por cousas que xamais viras nin escoitaras nos debuxos», engade GoChi. A versión do manga na serie anime foi recibida coas tesoiras en España. Malia que Canal Sur foi a primeira autonómica en apostar polo título, sacouno de emisión polos seus contidos irreverentes. Dado o éxito acadado en Galicia pasou a protagonizar a grella infantil de todas as tardes, e fixo que a creación nipona se estendese polo país.

«Quitaron escenas sexuais, sobre todo. Con Dragon Ball entendemos o concepto da animación xaponesa. Antes, non diferenciabas os debuxos xaponeses dos americanos. Non sabiamos cando ía concluír, e menos que era o anime. Rezabas para que non se acabase nunca. Comezamos a mergullar na época anterior a Google, que era moi difícil. Un familiar conseguiu unhas fotocopias dos mangas orixinais e esas páxinas circularon como a pólvora na escola. Merchandising caseiro. Aí foi cando soubemos que o orixinal era a historieta, non a serie!», remarca GoChi.

30 ANIVERSARIO

Foi a primeira en chegar, e iso revolucionou todo. «O manga entrou en Galicia grazas a Son Goku. Planeta de Agostini apostou por traducilos. Foi un bum e aínda hoxe recoñecen que as sucesivas versións das Bólas Máxicas son os cómics máis vendidos», destaca GoChi.

Realmente, os cómics de Toriyama concluíron en 1995, pero o fenómeno xa era unha franquía. En animación seguiron as versións de Dragon Ball Z, Dragon Ball GT e Dragon Ball Kai. Fan spin-offs, remakes e sucedáneos. Son Goku, entre os que eran rapaces nos 90, é sinónimo de morriña. O neno que tiña un rabo e ía vestido de monxe Shaolin na busca das bólas máxicas do dragón das que lle falara Bulma simboliza «a nostalxia de cando eras cativo». Pode marcar tanto unha serie infantil? «Si, a min e a outros 800.000. Eu, e moitos máis, dedicámonos á ilustración por Son Goku», asinte GoChi, que suma máis de 80.000 seguidores na súa conta de Instagram.

son
GoChi

VENDAS A TODO O MUNDO

«Apostei por mercar os dereitos de obras estranxeiras e traelas ao galego. Saco os meus propios mangas e vendo ilustracións para todo o mundo. Non son só de Son Goku! Tamén do universo Marvel, por exemplo, pero Dragon Ball é o máis pedido. O 80 % dos encargos veñen dos Estados Unidos. Tamén de Francia, Alemaña, o Reino Unido, Australia ou Nova Zelandia».

Este ferrolán é dos poucos que domina as técnicas tradicionais xaponesas de ilustración. Na era dixital, debuxa con tinta chinesa e acuarelas con materiais, moitos deles, fóra do circuíto, e que trouxo de Tokio. E, falando de Son Goku, vén de publicar unha historia propia baseada no universo de Dragon Ball. O spin-off seu é Red Ribbon Rising. É o primeiro manga que se fai totalmente en Galicia. Xa se vendeu en 20 países. «Como vendes a todo o mundo, compites con creadores de todo o planeta», di GoChi, que tamén colaborou co sensei xaponés Young Jijii, responsable de Dragon Ball AF. Se ten que elixir unha etapa de Goku, el queda coa de «antes do estirón», a previa a converterse en Supersaiyajin. O artista teno claro, «a onda vital» ten magnetismo para tempo.