De Ferrol a Santiago en tren

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL CIUDAD

26 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Saímos de Ferrol ás nove menos cinco. Puntualidade de país serio. O tren impecable, limpiño, confortable, boa calefacción. Un letreiro luminoso dicía: «A Coruña», e unha voz de muller engaioladora, digamos que elegante e quedamos en paz, ía avisando as estacións: «paradas facultativas». Son antigo. Pensei que o de facultativo era para ir ao médico. O tren pasou fungando polas «facultativas», escapando de pintadas porcallentas e desleixos. Transbordo en Betanzos-Infesta, nada de «A Coruña» como predicaba o luminoso. Alí nos apeamos, nun outeiro de leiras e eucaliptais. Abaixo Betanzos dos Cabaleiros asomaba, coma nun soño entre a néboa. Eramos catro da familia, un inglés que non comprendía nada e un rapaz máis despistado que o inglés e outros dous medio durmidos que teimaban por subir ao tren hotel con destino Ferrol. Esperamos no pasmo da nada. Estación pechada. Nostalxia daquela cantina cheiña de xente, os borrachuzas acodados, os viaxeiros fregando as mans do frío. Xente de Deus que daba vidiña ao lugar. O andén, setenta centímetros de ancho... Cinco graos de temperatura, e agradecidos ao cambio climático. Por fin veu o «automotor» de Monforte con bríos de chegar á Coruña. De Coruña a Santiago, pola vía do AVE, vinte minutos. Un pis-pas. Santiago con sol morno de febreiro podía pasar por Santa, a pesares dos seus pecados. Santa e fermosísima. A volta a Ferrol, sen transbordo, con algunha parada «facultativa». Un amigo díxome que por que non fun a cabalo.