Xemelgos dixitais

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

FERROL CIUDAD

08 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Comezamos ano cabalístico en números romanos (MMXX) e árabes (2020), máis cumpriría termos en conta a súa versión dixital (longuísima serie de uns e ceros): con ela funcionan os computadores e os ordenadores, seus parentes de rango superior. Neste ano mergullamos a fondo nunha etapa en que mandan os datos masivos e a intelixencia artificial que os usa.

Tras dos big data e a intelixencia telemática (que nunca ha superar a humana pero vaina axudar enormemente), xorde un novo concepto, o dos «xemelgos dixitais», con problemas éticos. En termos produtivos vén sendo unha bendición: segundo se deseña un novo ente físico (unha ponte, por exemplo), cos datos de proxecto vaise creando outro ente que residirá na intelixencia dos ordenadores en paralelo co produto final. Velaí o empeño de Navantia nas novas construcións en Ferrol: a fragata material ha navegar polo mundo en canto a dixital se comunique con ela sentindo o que aquela sinta. Deste xeito supervisores humanos e electrónicos poderán asistir os navegantes ao instante desde a base do buque.

Iso tamén se pode facer cunha persoa que leve consigo sensores e actuadores: a súa réplica dixital é capaz de albiscar riscos de funcionamento e indicar como evitalos, ou detectar fallos e resolvelos. Ora, ¿estaremos dispostos a tanto nos entregar?