Víctor Rodríguez: «A xente asocia facer dieta con pasar fame, e é todo o contrario»

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

FERROL CIUDAD

ANA GARCÍA

Este asesor nutricional e adestrador persoal de Carballo defende o WhatsApp como ferramenta «clave» para facer o seguimento do seus clientes

08 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Víctor Rodríguez Varela, de Razo, é ós seus 25 anos o asesor nutricional e o adestrador persoal de moita xente de Carballo e arredores no ximnasio World Fit do Centro Comercial Bergantiños. Dende os dezaseis anos comezou a formarse «por conta propia» e hoxe en día ten unha infinidade de títulos. Fixo o curso de adestrador persoal NSCA Spain; INEF, en Oleiros; TAFAD, en Ferrol, así como distintas actividades formativas en nutrición con referentes como Chicharro ou Badillo, entre outros. Como el di, «hai que apostar pola reciclaxe continua porque o que hoxe é bo, dentro duns anos xa non é o correcto». No seu caso, influenciado pola súa idade e polos novos tempos, tamén destaca pola aposta clara polo uso das novas ferramentas tecnolóxicas no seguimento das dietas dos seus clientes. Estes días, coa volta das vacacións do Nadal, incrementóuselle o traballo.

-Estase anotando máis xente estes días ó ximnasio?

-Si, nestas datas sempre hai novas incorporacións e vellos reenganches; xente que xa viña pero parou por vacacións ou outro motivo, e agora retoma a actividade. A inscrición vén motivada por propósitos novos, para recuperar o peso de antes das enchentes, ou simplemente por mellorar os obxectivos do ano pasado.

ANA GARCÍA

-Que lle recomendaría a unha persoa que este ano se propón facer exercicio ou mellorar a alimentación?

-Empezar con calma. Non buscar nin dietas milagre nin plans de adestramento ‘exprés’ porque os plans rápidos adoitan acabar mal. Hai que comezar con deporte moi suave, cunha horiña tres ou catro días á semana. E no tema da nutrición, máis do mesmo: quitando refrescos e comida procesada. Se conseguimos eses pasos, xa o notaremos moito. E pouquiño a pouco, trátase de ilos incrementando para crear adherencia ó plan. O éxito está nisto último.

-Saír a camiñar chega como práctica deportiva para manterse en forma, ou débese complementar con outras actividades?

-Obviamente si que aporta. Aumenta o gasto calórico diario. Simplemente con aumentar o número de pasos diarios (a Organización Mundial da Saúde recomenda dez mil ó día), valo notar. Está ben complementalo con ximnasio ou con calquera outra actividade na que se faga adestramento de forza e un pouco de ‘aerobic’. Ó que lle chaman adestramento con corrente. Pero adestrar a forza, sobre todo, é moi importante para baixar de peso, prever lesións... E isto non consiste en facer pesas nunha máquina, senón que é máis funcional, con cordas, sacos, sentadiñas...

ANA GARCÍA

-Facer dieta non consiste exclusivamente, nin ten por que, en adelgazar. Como é a ideal?

-Normalmente, a xente asocia facer dieta con pasar fame, e é todo o contrario. Hai que comer ben, pero de todo: peixe, froitas, lácteos, carne, chocolate negro... E un tamén se pode permitir algún capricho, como os refrescos cero, que aínda que en principio son malos, se iso permite que ti non te saltes a dieta, xa é unha mellora. Non hai que radicar en extremos. Hai que facelo todo con cabeza e pensando sempre a largo prazo, en coller unha rutina.

-Os suplementos alimenticios son bos?

-Considero que non son esenciais, pero poden ser unha axuda, un complemento a unha dieta establecida e a un adestramento. Pódennos facer a dieta máis amena. Por si mesmos, non nos servirán de nada salvo que teñamos algunha carencia ou patoloxía.

-Pódese facer dieta e non exercicio, ou viceversa, ou ambas cousas son necesarias?

-O ideal é un pouco de ambas. As dúas cousas son moi importantes.

-Vostede é coñecido polo uso das novas tecnoloxías para o seguimento do réxime dos seus clientes. Concretamente, polo emprego do WhatsApp. Que beneficios atopa nesta práctica?

-Hoxe en día, con estes avances, tratar cun experto é moito máis accesible para a xente que non ten tempo de acudir a unha consulta. Ademais, ferramentas como o WhatsApp, o correo electrónico ou, incluso, o Instagram, permítenche ter un contacto diario co cliente: que che pregunten dúbidas, que ti lle comentes como se atopan... O ‘feedback’ é moi importante. Era algo que se esquecía nas consultas presenciais e que levaba a desmotivarse. Que o teu adestrador che conteste nun breve espazo de tempo significa moito para esa persoa. Vale máis que o propio plan. O seguimento e o trato persoal son indispensables.