Cabalgatas de Reis

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

FERROL CIUDAD

Siro

04 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aprimeira cabalgata de Reis salio en Ferrol no ano 1952, por iniciativa de Alfredo Martín, home profundamente católico e con vocación artística, que xa creara o visitadísimo Belén da Orde Terceira e despois participaría na organización das procesións de Semana Santa.

A cabalgata foi un éxito que se repetiu en edicións posteriores, malia un par de incidentes. Un ano, mentres os reis, os paxes e Alfredo Martín asistían á recepción en Capitanía Xeral, coas forzas vivas da cidade, algún bromista deu orde de reemprender a marcha e cando baixaron xa a Cabalgata chegaba á Praza de Armas. Foi cousa de ver os Magos a pé, pola rúa Real, a paso de lexionario, e a xente botándose a eles cos nenos no colo.

O outro foi máis grave e protagonizouno un rei que, no discurso desde o balcón do pazo municipal, acusou ao alcalde Rogelio Cenalmor de querer tirar o palco da música do Cantón para facer vivendas. O rei preguntaba a berros: «Niños, ¿verdad que no queréis que tiren el palco de la música?». E os nenos respondían: «¡Noooo!».

O alcalde estaba na cama, con febre, pero, non ben soubo do ataque, plantouse no despacho e deu orde á policía municipal de deter ao rei difamador, sen agardar que a cabalgata rematase o percorrido. E así se fixo.

Foi a primeira manipulación que coñecín dunha cabalgata de Reis e dos nenos asistentes. Despois souben da que, en 1937, se fixera en Valencia, capital provisional da República por mor do asedio de Madrid, cun desfile arranxado polo Ateneo Popular en colaboración coa Alianza de Intelectuais para a Defensa da Cultura. Os nenos non viron un rei mago, pero si carrozas monumentais coa figura da República e de agradecemento á República Soviética; cabezóns dos presidentes Largo Caballero e Stalin, tan grandes que daban medo; bandeiras dos partidos políticos da Fronte Popular e da UXT e CNT; monicreques ridículos en representación dos «nacionais», como a escultura caricaturesca do xeneral Queipo de Llano, botella en man, ante un micrófono do que saía o puño do pobo español para baterlle no fuciño. Todo un esperpento, pero a crónica oficial remataba cunha loa: «¡Bien hayan el Gobierno de la República y todos cuantos han sido sus colaboradores en esta hermosa fiesta, que tanto bien, material y moral, ha llevado a los niños!».

Na zona nacional cocíanse as mesmas fabas e Xosé Alfeirán contou neste xornal que os falanxistas de A Coruña arranxaron a cabalgata de 1938, con reis magos a cabalo e camisa azul, e que cada reparto de xoguetes nos centros benéficos remataba cos nenos brazo en alto e cantando o Cara al Sol.

Semellaban miserias dun pasado a superar, pero nos últimos anos o independentismo catalán encírrase en repetilas con reis magos que claman pola liberdade dos políticos presos, denuncian o latrocinio dos Borbóns e traen carbón para certos xuíces do Tribunal Constitucional; e chamamentos dos colectivos máis activos a «pequenos e grandes» para recibir aos magos de Oriente con esteladas e pedirlles a República Catalana xa.

Di o proverbio que «non hai peor cego que o non quere ver», pero non é certo. O peor cego é o que non quere verse. Por iso os responsábeis de tanto despropósito séntense patriotas e non manipuladores da infancia. Disto sabía moito o Principiño, que dicía a Saint- Exupery, moi serio e cos ollos fixos no horizonte: «Os nenos han de ter moita tolerancia cos adultos».