A Costureira, talento galego cen por cen

Un emprendedor de Cerdido crea na cidade da Coruña unha firma que comercializa camisetas, suadoiros ou cuncas con deseños propios e de ilustradores recoñecidos


Cerdido

A Costureira botou a andar hai seis meses, aínda que Xosé Luís Martínez Brandeiro (A Barqueira-Cerdido, 41 anos) xa leva anos vivindo na Coruña e dedicado á venda de artigos de merchandising. «É un invento que naceu esta primavera, facemos camisolas, suadoiros, cuncas, sacas... A maioría con ditos galegos e deseños propios», explica. Teño días, Non me raies, Nunk peor, 100 % do país, Máis guapa cas pesetas. Estes son algúns dos lemas dos produtos da marca, que agora se reforza coas liñas de tres artistas galegos: o pintor naronés Leandro Lamas, a ilustradora lucense Noemí López e o debuxante de Ortigueira Cristian F. Caruncho.

Púxolle A Costureira «porque é unha profesión con moito arraigo en Galicia». E el buscaba un xeito de expresar «o amor pola terra» desde unha perspectiva feminista, «pola igualdade». Sen máis premisas: «Os artistas teñen liberdade absoluta». Primeiro contactou con Cristian e despois, a través de Guadi Galego, chegou a Leandro. «Foi unha lotaría de Nadal anticipada poder contar con el», subliña. O creador, de 46 anos, cunha recoñecida traxectoria, debuta neste terreo. Ten ilustrado artigos de pel e pandeiretas, «pero nin camisetas, nin cuncas...». «Vin as sacas que lle fixo a Guadi, investiguei de quen eran e xa nos embarcamos», conta. Ten catro deseños á venda: «O apalpador, a pandeireteira, Rosalía e as cantareiras». «O noventa por cento do que fago son cadros personalizados, que saen do meu obradoiro para ir á casa dos donos. Hai moito tempo que non teño exposición, por esa razón. E [A Costureira] é unha maneira de reproducir as obras, de visualizalas e facelas asequibles», remarca Lamas. Eloxia «os acabados, moi coidados», algo que tamén o animou a colaborar con este proxecto.

A Cristian F. Caruncho (Couzadoiro-Ortigueira, 22 anos) gustoulle a proposta, «sobre todo porque é unha colección con outros debuxantes, que se diferenza doutro tipo de tendas, máis artístico, máis de autor... Deunos total liberdade». Está a piques de entregar os primeiros deseños, no estilo dos debuxos de Dorotea, un fermosísimo cómic que autoeditou o ano pasado. De Xosé Luís destaca «a confianza» que lle xerou traballar con el. E o promotor de A Costureira confesa a súa fascinación polo cartel do Festival Internacional do Mundo Celta deste ano, obra de Cristian.

No caso de Noemí López (Lugo, 45 anos) a culpa de todo tena a escritora María Canosa: «Ela é a madriña, a inspiradora». A creadora lucense ilustrou o libro de Canosa Xiana, a nena pirata, e tamén é a autora de A cazadora de estrelas, a narración favorita do fillo maior de Xosé Luís, que recreou a Megumi, a personaxe central da obra, con tres deseños, por idades: guerreiriña, guerreira e cargando guerreira.

Canosa foi quen puxo ao responsable de A Costureira na pista de Noemí. É a súa primeira incursión «neste mundo do textil» e vívea «con entusiasmo». «El tivo a iniciativa de facer un oco para ilustradores, é moi importante [...]. Ten unha filosofía que me gusta, non só busca unha cuestión estética, senón promover e difundir a cultura de Galicia», aplaude. Noemí ten unha serie titulada Galiza profunda, «un xogo de palabras cos fondos mariños», e outra sobre os biosbardos (figura mitolóxica galega).

As creacións destes tres artistas conviven coas propias de A Costureira, algunhas con referencias a A Coruña -Knelita- e ao Deportivo -Canto Sufrimos Martin, Tan só x ti e Sempre contigo-; e outras con frases máis xenéricas, como Habelas hainas ou Preciso do meu espazo. E debuxos coma o polbo surfista co texto «Galicia Salvaxe. Summer adventures». Pódense ver e mercar a través da web da firma. Xosé Luís réstase méritos: «O meu talento é xuntar a xente que ten talento». Galego, cen por cen.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

A Costureira, talento galego cen por cen