«Nos traballos artísticos hai moito máis respecto por todo, tamén nas linguas»

La Voz

FERROL CIUDAD

Adrián Cunha abriu en Bertamiráns o seu negocio Pixelín Photo

16 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Adrián Cunha é fotógrafo, e desde hai ben pouco abriu en Bertamiráns o seu negocio Pixelín Photo, un nome que xa amosa a súa teima de mimar as orixes, xa que pixelín era o alcume que tiña canda neno, e que hoxe o define no seu traballo. Cando decidiu dar o salto e alugar oficina profesional preto da súa casa tiña claro que o galego seguiría sendo a súa ferramenta para a fala.

«Fago facturas e orzamentos sempre en galego, aínda que vaian para fóra, e nunca tiven problemas con ningún cliente», afirma. Tamén recoñece que «nos traballos artísticos hai moito máis respecto por todo, tamén nas linguas».

«Eu son galego, son de Ferrol e galegofalante, o que xa é un valor engadido. No colexio, como pasa moitas veces, deixei de falalo, pero, como moitos, volvín a el». Incorporarse enseguidiña á plataforma #galegoempresas é para Adrián Cunha unha forma de colaborar coas iniciativas que se desenvolven no seu municipio de adopción, neste caso polo servizo de Normalización Lingüística de Ames.