Manuel Arzúa:«O cabo Prior é un punto estratéxico para observar ben as aves e o mar»

Bea Abelairas
Bea abelairas FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

CESAR TOIMIL

O biólogo, condutor da primeira saída do outono da SGHN, aboga por un plan de conservación

20 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Arzúa (Ferrol, 53 anos) leva moitos anos vinculado á Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). Este biólogo será o condutor da primeira e terceira saídas do ciclo Outonos naturalistas que percorren as paraxes máis singulares de Ferrol. Onte pasearon e comentaron os espazos do cabo Prior. Nas próximas semanas irán á carballeira de Menáncaro (o 26 deste mes); polo río Roxedoiro (o 9 de novembro); á mina de Covarradeiras (o 23 de novembro) e aos montes de San Xurxo (o 7 de decembro).

-Outro ano máis que saen a percorrer os espazos naturais de Ferrol, ¿cales son os obxetivos destas saídas?

-Imos a lugares que a xente de Ferrol coñece dalgunha maneira, pero queremos mostralos dende una perspectiva diferente: a da paisaxe, as formacións xeolóxicas, que no Prior son granitos e esquizos, e que fomos vendo por toda a ruta de onte.

-Unha saída con información que poucos ferrolanos coñecen do cabo Prior...

-Claro, a xente está acostumada a pasar por alí, pero non a fixarse en algunhas cousas. A ruta tivo varias paradas: unha é a do pozo da lagoa, no lugar de Mougá, para ver o antigo vertedoiro de lixo, despois de alí chegamos o antigo miradoiro do Pedrouzo, dende onde se poden divisar todas as praias e seguimos a ver diferentes formacións xeolóxicas. Vimos tamén varios vales fluviais e diferentes tipos de vexetación.

-¿Que foi o máis singular do percorrido?

-Son lugares altos e as paisaxes son algo especial. Ademais, no cabo Prior puidemos ver todo o patrimonio militar, o sistema de baterías, os túneles así como as formacións graníticas e os illotes do Cabalo, onde cría o corvo mariño cristado e a gaivota patiamarela. Estes son lugares de grande importancia para estes animais. Crean os seus niños nos acantilados, nos espazos máis apartados e inaccesibles.

-¿Que outras especies son características da zona?

-Fomos á zona das Cabazas para ver os montes de mancomún como un sistema de xestión do territorio e ver alí unhas plantas de Camariñas que están desaparendo aínda que antigamente houbo moitas.

-¿Hai algún espazo no que a conservación sexa preocupante?

-En xeral están mal conservadas pola proliferación de especies exóticas por todos lados e os ríos están degradados e o bosque autóctono está desaparecendo e os animais non poden vivir nas plantacións de eucalipto, que é o que prolifera. Todo é unha consecuencia do abandono do rural, agora non hai zonas para os animais. Quérese facer obra civil en todos lados e os ríos queren o seu cauce natural.

-¿Esta área necesitaría un plan de conservación?

-Toda Galicia necesita un plan de conservación, neste caso habería que incluír na flora a camariña, xa que está en perigo de extinción, queda en Pantín e antes habíaa por todas partes. Ademais hai un patrimonio militar que está abandonado e nos gustaría que a xente o vise para reflexionar sobre como non deixalo caer.

-¿Podería ter usos para o ecosistema?

-Agora está en mans de ninguén, con acceso libre e todo o mundo pode ir e pode ser ata perigoso. Nalgún caso se podería adecuar a zona para facer un refuxio de morcegos e un observatorio de aves, porque é un punto estratéxico para observar ben o mar e as aves. Incluso para poñer un centro de interpretación do patrimonio militar e o valor natural da costa.