«O noso obxectivo é que no Dúplex convivan todas as franxas de idade»

O único cine que queda en Ferrol inicia unha nova etapa cunha aposta polos filmes de autor e as versións orixinais


ferrol / la voz

Ramiro Ledo (Lugo, 1981) estudou Xornalismo en Santiago, pero a súa paixón polo cine fixo que os fotogramas se impuxeran finalmente á letra impresa na súa vida laboral. Tras facer os seus pinitos como guionista e realizador, hai case cinco anos tivo a valentía de poñer en marcha no centro de Compostela a sala Numax -hoxe convertida en todo un referente para os amantes da sétima arte-, e agora volveu poñer a capa de heroe para levar a bo porto outra difícil misión. Nada máis e nada menos que relanzar o Dúplex de Ferrol cun proxecto que aposta polo cine independente, as versións orixinais subtituladas e as películas comerciais «de calidade». Tras tres meses en obras, as salas de Esteiro retomarán mañá xoves as proxeccións.

-Como xurdiu este novo proxecto?

-O Dúplex leva funcionando como cine familiar dende o ano 96, e eu, como distibuidor, tiña moita relación co seu anterior responsable, Juan Antonio Álvarez. Chegou un momento no que a el facíaselle moi difícil compaxinar a xestión do cine co seu traballo lonxe de Ferrol e entón propúxome que asumise eu a xestión. Despois da boa experiencia co Numax e de comprobar que un sala de proximidade pode ser un lugar de encontro para os veciños e converterse nun dinamizador da vida social e cultural da cidade, decidín aceptar a súa proposta. E fíxeno coa mesma ilusión que a que tiña e sego a ter co proxecto do Numax.

-Cales son os seus obxectivo para o Dúplex?

-O noso obxectivo é que no Dúplex convivan todas as franxas de idade e para iso temos que contar cunha proposta que atraia tanto ao público infantil e xuvenil como a espectadores adultos. Para iso manteremos a aposta polo cine independente que sempre se fixo no Dúplex, impulsaremos as proxeccións en versión orixinal e ofreceremos películas comerciais de calidade. Tamén proxectaremos óperas e concertos, organizaremos encontros con directores e invitaremos aos realizadores da zona a amosar as súas pezas nas nosas pantallas. Queremos que o Dúplex se converta nun escaparate para dar a coñecer o seu traballo.

-Cal é público máis difícil de atraer a un cine pequeno como o Dúplex? Tal vez aos mozos?

-Sen dúbida. A xente moza pertence a unha xeración que está acostumada a ir aos centros comerciais e iso é moi difícil de cambiar, aínda que nós non renunciamos a espertar novas curiosidades cinéfilas. Ademais, queremos traballar cos centros educativos da zona para que os rapaces de Primaria, Secundaria e Bacharelato poidan vir ao cine polas mañás para ver filmes relacionados cos contidos curriculares que traballan nas aulas ou tamén películas de actualidade.

-Hoxe en día existen moitas alternativas para ver cine. Coa piratería, as plataformas, os centros comerciais... Non resulta complicado manter vivo un pequeno cine de barrio?

-Doado non é, pero eu penso que merece a pena apostar polas salas de proximidade. Poder ir camiñando ao cine, ter a oportunidade de ver unha película que nunha superficie comercial sería difícil de atopar e ir tomar un café despois pola cidade para comentala paréceme un luxo, algo marabilloso. A min, polo menos, como espectador, é unha das cousas que máis me gusta facer cando teño tempo libre.

O espazo retoma mañá as proxeccións con máis comodidades

Tras tres meses en obras para mellorar as instalacións, as salas de Esteiro retoman mañá xoves a súa actividade cun novo apelido -a partir de agora o espazo denominarase Dúplex Cinema- e unha xornada especial na que se proxectarán ata seis títulos desde as cinco da tarde, entre eles Aute Retrato, un documental de Gaizka Urresti sobre Luis Eduardo Aute; Hasta siempre hijo mío, de Wan Xiaoshuai, galardoada con dous Osos de Plata; e O que arde, de Óliver Laxe, que é unha preestrea. Tras esta sesión inaugural, o venres comenzará a programación semanal coa película de Laxe, premiada recentemente no Festival de Cannes; El crack cero, a nova longametraxe de Garci; e o documental de homenaxe a Aretha Franklin Amazing Grace.

Ademais dunha programación con máis películas en V.O.S., nesta nova etapa o Dúplex ofrecerá máis comodidades, porque, tras a reforma acometida, a sala conta cun novo sistema de climatización (calefacción e aire acondicionado), máis espazo entre as butacas e baños novos.

Outro reclamo serán os prezos. A entrada normal custará 5,90 euros (de luns a venres) e 6,60 (as fins de semana), pero os espectadores tamén poderán adquirir abonos especiais para acceder a tarifas aínda máis baratas. Por exemplo, pagando un abono anual de 35 euros se poderá ir ao cine por só 4 euros todas as veces que se desexe ao ano e coa primeira entrada gratuita.

Ademais, o cine abrirá a partir de agora todos os días (antes pechaba os luns) e ofrecerá máis pases diarios: haberá tres entre semana e catro os fins de semana (en torno ás 16.00, ás 18.00, ás 20.00 e ás 22.00 horas).

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

«O noso obxectivo é que no Dúplex convivan todas as franxas de idade»