A Xunta seguirá cos cursos de conducción segura de motos

La Voz FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

CESAR TOIMIL

A actividade permiteu en Ferrol que case medio cento de pilotos mellorasen no manexo preventivo do vehículo

22 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou onte en Ferrol que o departamento que dirixe dará continuidade aos cursos de conducción segura de motocicletas, tendo xa programada unha nova edición no primeiro semestre do vindeiro ano. Deste xeito, abundou, esta actividade formativa e de sensibilización que se vén realizando desde o ano 2017 permitirá chegar a ofrecer, en total, formación a máis de 800 persoas, a través de 20 cursos, repartidos en cinco edicións.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o presidente da asociación Mutua Motera, Juan Manuel Reyes, quixo achegarse onte ata o aparcadoiro do pavillón da Malata para comprobar como se está desenvolvendo a primeira xornada da nova edición dos cursos que se levarán a cabo este mes de setembro, organizados pola Xunta coa colaboración de Pons Seguridade Vial e Mutua Motera, e que imparten técnicos da Escola Nacional de Conducción de Motocicletas.

A conselleira destacou a gran acollida que espertan entre o colectivo de moteiros estas actividades de formación desde o seu lanzamento no ano 2017, esgotándose sempre de xeito moi rápido as 160 prazas que se ofertan en cada edición. Nesta convocatoria de setembro, en menos dunha semana cubríronse todas as prazas.

Esta actividade de formación e sensibilización está dirixida aos condutores de todo tipo de motocicletas, que son usuarios vulnerables das estradas, e busca incidir nunha maior seguridade e reducir o risco de accidentes deste colectivo.

Ethel Vázquez explicou que na xornada de onte participaron 20 persoas, mesmo número de asistentes que participaron pola tarde na segunda quenda da xornada. Indicou que nesta actividade gratuíta de formación, na que os participantes so teñen que traer a súa moto, o equipo regulamentario e o carné de conducir, se pon a proba a súa capacidade de análise, a súa anticipación ao risco e a súa reacción ante situacións de perigo.

Críticas a Mato e Caballero

No marco desta visita a Ferrol, Vázquez censurou que o alcalde de Ferrol, o socialista Ángel Mato, «prestase o Concello, que é a casa de todos os ferroláns, ao PSOE para que o seu secretario xeral organizase un acto electoral, un mitin».

Engadeu que Gonzalo Caballero «non veu a Ferrol para preocuparse do futuro da central de As Pontes, e tampouco veu a buscar solucións a esas gradas baldeiras dos estaleiros en Ferrol como consecuencia da falta dilixencia do Goberno de España». Culminou indicando que «veu facer campaña electoral e o PSOE e Gonzalo Caballero son sinónimos de destrucción de emprego en Ferrolterra».