Turismo e autoestima

Xan Silvar EN POSITIVO

FERROL CIUDAD

06 sep 2019 . Actualizado a las 00:36 h.

O estío queda atrás nesta semana previa á volta ás aulas, co regalo do tempo soleado dun anticiclón que non se fixo ver en agosto. A fin de semana pasada deixou unhas moi boas sensacións, cunhas vibrantes Meninas de Canido que encheron o barrio de visitantes, atraído polas artes plásticas e a música (o luxo da Banda de Ferrol e as actuacións nos escenarios). Ao tempo, a menos de 20 km, a competición de surf de Pantín reuniu a miles de visitantes para seguir un evento que gaña en nivel deportivo e vontade de mellora do coidado da valioso ecosistema que o acolle. Filosofía de conciencia ecolóxica compartida con Equiocio, a concorrida competición de salto ecuestre, acompañada este ano con moitas máis actividades solidarias e ambientais. Ademais destes eventos multitudinarios, un fluxo notable de turistas visitaron Ferrol, enchendo aloxamentos, movendo a hostalería, visitando os museos locais, facendo rutas guiadas pola cidade ou descubrindo a visita a Mugardos en lancha. Outra corrente humana crecente é a da peregrinación a Compostela polo Camiño Inglés, cuxo incremento notable pide actuacións decididas de promoción e mellora. Moitas persoas están a descubrir Ferrol, incluso pese a unha promoción turística bastante mellorable, a unhas malas comunicacións para chegar á cidade e moverse por ela (canto costa chegar a San Felipe sen lancha! a que esperar para recuperala en picos de visitantes?). Hai moitas frontes de actuación para a nova corporación municipal, que non só para o goberno municipal. Non se entendería falla de colaboración para mellorar a cidade máis pronto que tarde, nun tempo de autoestima en alza.