Xan Rodríguez Silvar: «A supervivencia da píllara depende dun pequeno esforzo colectivo»

A píllara das dunas retorna a Ferrolterra coa sombra dunha desaparición cada vez máis cercana planeando sobre ela

a.v.
la voz / ferrol

Varias praias da comarca de Ferrol amenceron estes días con novos inquilinos entre as súas areas. Neste época do ano é habitual que as píllaras (de nome científico Charadrius alexandrinus) regresen ás praias de Ferrolterra para aniñar, moitas veces no mesmo areal no que naceron. Este ano, por primeira vez, apreceron exemplares na praia de Santa Comba, ademais de Doniños e Esmelle. Porén, para Xan Rodríguez Silvar, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, esta noticia, en principio positiva, é preocupante, xa que revela que as aves poden estar migrando por un aumento da presenza humana.

-En Galicia a píllara está catalogada como unha especie vulnerable. Que perigo reviste esta categoría?

-Non é unha esaxeración. Corre un perigo moi alto de desaparecer das costas galegas.

-A que se debe o declive dos seus números?

-Principalmente, a que ten uns hábitos de cría moi arriscados. A píllara aniña nas praias durante varios meses, que xusto coinciden co bo tempo e as etapas de maior afluencia ás praias

-A que perigos se expoñen?

-Ademáis dos depredarores, a acción humana resulta devastadora para a píllara. Cando se limpan as praias, por exemplo, prívaselles do seu sustento principal, que son as algas e as pulgas de mar. Os tractores que alisan a area adoitan esmagar ós poliños porque estes entérranse para agocharse. Con respecto ós usuarios da praia, hai que ter coidado de non deixar cans soltos porque poderían atacar os paxaros.

-Que medidas habería que tomar nunha praia para que un aniñamento prosperase?

-Sinxelamente, cumprir coa lexislación (a píllara conta cun plan de conservación exclusivo dende 2014). A normativa é esixente pero na práctica non se cumple porque os recursos que a administración destina á conservación de especies son patéticos. En casos coma este a responsabilidade remata recaendo en particulares con boa vontade.

-Este ano, ás praias de Doniños e Esmelle sumouse Santa Comba, onde aniñaron dúas parellas.

-Si, pero só é unha boa noticia en parte. A poboación medra en Santa Comba pero baixa en Esmelle, o que dá para pensar que están fuxindo cara a zonas menos transitadas polas persoas. Sabemos con certeza que unha femia que soía aniñar en Esmelle agora está en Santa Comba.

-Que debemos facer se atopamos un niño non sinalizado na praia?

-O mellor é chamar ó 112 e comunicarlles a situación para que lla trasladen á Xunta de Galicia.

-Cal é o futuro da píllara?

-Teño esperanzas de que a xente tome conciencia e colabore para que, polo menos, consigamos reducir ó mínimo posible o factor humano como risco. A supervivencia dunha especie depende dun pequeno esforzo colectivo.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Xan Rodríguez Silvar: «A supervivencia da píllara depende dun pequeno esforzo colectivo»