Ferrol celebra o Día de Galicia con frores, discursos e o Himno

I. Codesido FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

REBECA LÓPEZ

No acto institucional organizado polo Concello de Ferrol participación arredor de 50 personas

25 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Na praza do Himno Galego hai un pino que, en días de sol implacable coma o de onte, arroxa a única sombra baixo a que refuxiarse. No mediodía do 24 de xullo agolpábanse debaixo del unhas 50 persoas para celebrar, por adiantado, o día de Galicia. Unha metade son políticos e outra son veciños. Entre eles elévase unha barreira invisible pero palpable, quebrantada tan só por un par de civís que buscan o saúdo dalgunha das caras coñecidas da cidade. Entre edís e asesores distínguese a americana do exalcalde Jorge Suárez, que conversa con Iván Rivas, do Bloque. A uns metros destes, o alcalde Ángel Mato despacha bicos e apertas entre os asistentes. A gran ausencia é a de Rey Varela.

O acto dá comezo 5 minutos tarde co coro centenario Toxos e Froles. As súas gaitas levaban xa unha boa media hora amenizando a mañá dos clientes das terrazas, que sorben o café con escasa curiosidade. En aras da fotoxénese, os representantes públicos logo abandonan a sombra do pino para, con resignada preguiza, debuxar un semicírculo arredor do monumento que homenaxea a Xosé Fontela, un intelectual ferrolán que impulsou a creación do Himno Galego.

Para Fontela será boa parte do discurso que Mato lerá dun folio nos dez minutos seguintes, quizáis porque é o único representante que desfruta da sombra que proxecta o seu monumento. Mato fai fincapé na necesidade de destacar as figuras do nacionalismo orixinarias de Ferrol - como o Letras Galegas deste ano, Carvallo Calero, ou o propio Fontela - e a migración. «Galicia foi unha rexión de saída que agora debe recibir cos brazos abertos aqueles ós que a necesidade obriga a fuxir», sentencia. A mañá avanza cara a acostumada ofrenda floral que realizan os representatnes, os membros do coro e algún curioso.

O acto remata, como non podía ser doutro xeito, co Himno Galego, interpretado a capella por Toxos e Froles. A praza, en éxtase, garda pulcro silencio. Na fila dos políticos, as caras tamén son de pedra, coa excepción de Jorge Suárez, que conversa despreocupado cun compañeiro. Mato é o único que musita a letra do Himno. Sábea case toda. Nas terrazas, os clientes removen o café con coidado para non facer ruído.

 

Esquerda Unida, o 25

Aínda que en Ferrol sexa costume celebrar o acto do Día de Galicia na véspera -mañá os membros do consistorio desfrutan dun día libre- algunhas forzas políticas prefiren deixar o festexo para o día 25. É o caso do grupo municipal de Esquerda Unida de Mugardos, que ten programado un acto para hoxe ás 12:30 no porto. Nel intervirán a coordinadora nacional do partido Eva Solla, xunto co secretario de organización Rubén Pérez e a alcaldesa da Vila, Pilar Díaz.