Jualián Reina: «Este ten que ser o mandato do diálogo»

FERROL CIUDAD

JOSE PARDO

O concelleiro avoga por buscar acordos entre os vintecinco concelleiros e por pór a Ferrol «por enriba de todo»

21 jun 2019 . Actualizado a las 18:01 h.

Será a voz do goberno socialista de Ángel Mato, labor que afrontará, sostén, con «diálogo, diálogo e diálogo». Afiliado ao PSOE dende 2005, xefe de negociado dunha empresa de xestión de residuos -en excedencia-, e membro do gabinete de presidencia da Deputación -en funcións- Julián Reina Villalón (Málaga, 1984) non só é concelleiro e voceiro do grupo municipal do PSOE, senón que nel recae boa parte do peso da negociación para a conformación do futuro goberno de Ferrol.

-Cando haberá goberno?

-Á maior brevidade posible. Necesitamos tomar as decisións acertadas, as mellores para Ferrol. A pesar de que queremos formar goberno canto antes, queremos que sexa estable e permita cargar de ilusión á nosa cidade.

-Entenden o desconcerto cidadán polo ritmo das conversas?

-Nós o que buscamos é o acordo nun programa político no que tendo o PSOE como a columna vertebral do goberno, permita que os nosos posibles socios sintan o programa que acordemos como propio.

-Como será ese goberno: bipartito, tripartito ou en solitario?

-O noso obxectivo é que sexa o goberno que garanta a maior estabilidade para a cidade. O progreso e a posibilidade de cargar a Ferrol de ilusión non só depende do goberno, senón da corporación completa.

-Que agarda da reunión de mañá [por hoxe] con Ferrol en Común?

-Avanzar o máximo posible e intentar rematar a negociación sobre cuestións programáticas e solventar aqueles escollos mínimos que podamos ter e seguir avanzando de cara a unha formación de goberno canto antes. Deberíamos conseguir que houbera xa acordo.

-Como sortearán cuestións conflitivas como o convenio de Defensa ou a remunicipalización?

-Son negociacións que estamos levando de forma discreta e queremos manter a discreción porque o que é moi importante é que os 25 membros da corporación teñamos claro que este ten que ser o mandato do diálogo para lograr cuestións boas para cidade.

-A que está disposto a renunciar o PSOE na negociación?

-Penso que nunha negociación temos que tentar deixar ao lado ese tipo de terminoloxía de renunciar, de perder. Nunha negociación non ten que gañar nin unha parte nin outra, porque entre outras cousas, imos convivir catro anos e temos que entendernos. Non consideramos que ninguén teña que renunciar a nada.

-O BNG xa puxo as súas condicións na investidura. Vanas aceptar?

-As conversas que estamos mantendo son de forma privada. O que é importante é que a cidadanía sinta que a cidade funciona, que os servizos básicos estean en perfecto funcionamento. Todos estamos dacordo en que os servizos públicos teñen que funcionar. Temos que ver cal é a forma máis axeitada.

-Hai conversas oficiais co BNG?

-Hai conversas co Bloque.

-Como cre que vai ser a relación cos outros partidos?

-No que dependa dos socialistas, de diálogo permanente e constante.

-Que tipo de debate establecerá como voceiro?

-O noso obxectivo é que se os temas de cidade poden ser sacados adiante con vintecinco votos non se vai facer doutra forma. É dicir: diálogo, diálogo e diálogo.

-Hai que elevar o nivel do debate político en Ferrol?

-Hai que poñer Ferrol por enriba de todo. Hai que mirar ao futuro, non ao pasado.

-Gustáronlle os discursos dos outros partidos na investidura?

-Cada grupo ten todo o dereito e plasma o seu discurso en función do que cre. E non ten nin por que gustarme nin todo o contrario.

-O nomeamento de Germán Costoya como vicevoceiro é a cota de poder do sector afín a Beatriz Sestayo no grupo municipal?

-Temos que mirar cara á cidade. É o único tema que temos enriba da mesa os 25 concelleiros.

-Onde quedou a paridade nunha negociación todo con homes e nun Concello con todos voceiros masculinos?

-O PSOE ten a igualdade como un dos seus pilares básicos, como queda acreditado en que a miña compañeira concelleira Ana Lamas Villar vai formar parte do pleno da Deputación.