Iván Rivas: «Ferrol precisa romper moitos tabús»

Voceiro do Bloque Nacionalista Galego en Ferrol desde o ano 2012


ferrol / la voz

O voceiro do BNG en Ferrol dende o 2012, Iván Rivas Rico (A Pontenova, 1976), tentará o domingo o seu segundo asalto á alcaldía. Confía en prolongar o efecto das xerais e duplicar votos e representación, para lograr que a capacidade de influír do Bloque sexa o máis determinante posible no futuro goberno que, asegura, será de coalición.

-Explique a foto.

-Vén dicir que esta cidade precisa romper moitos tabús para solucionar os seus problemas. O primeiro paso é falar deles. E o segundo, loitar por conseguir aquilo que queres.

-Por que parece que está sempre enfadado cando fala de política?

-Supoño que é unha apreciación vosa, porque eu non me sinto enfadado. Eu resumiríao en que o BNG cambiouvos as preguntas cando xa tiñades as respostas. Ante iso, buscades explicacións un pouco esotéricas. Hai un convencemento, por exemplo, respecto do convenio con Defensa de que hai que desenvolvelo. E o BNG chega e di que é prexudicial e que hai que rachalo.

-E despois de rachalo, que?

-Despois empezamos a tomar decisións que resolvan o problema dende o punto de vista económico e urbanístico. No momento en que rachemos ese convenio que está nun limbo, podemos empezar a cobrar a Defensa os tributos que pagamos os demais. E esixirlle o mantemento, a conservación e a reparación das propiedades.

-Di que podería duplicar os resultados que lle dá a enquisa de Sondaxe. En que se basea?

-Eu o que dixen é que as enquisas están feitas para condicionar o voto. E se en 2015 a nós nos asignaban cero concelleiros e sacamos dous, se en 2019 nos están a asignar dous como mínimo sacaremos catro.

-O BNG tocou fondo con dous concelleiros nos últimos mandatos, pero tampouco conseguiu subir de aí. Que cre que pasa?

-Se teño que buscar algunha referencia máis ou menos obxectiva, faríao nos últimos resultados electorais, que son os das xerais. O BNG duplicou o seu voto e se temos en conta que sempre incrementa a súa porcentaxe de voto de maneira substancial nas locais a miña análise racional e obxectiva lévame a pensar que é o que acontecerá o 26 de maio. O PP está morto dende un punto de vista electoral. Ferrol só ten dúas alternativas: un BNG determinante no próximo goberno ou o continuísmo de gobernos que xa tiveron a experiencia de desenvolver a súa política en Ferrol.

-E onde se ve vostede a partir do 26M, dentro ou fóra do goberno de Ferrol?

-O fundamental para nós é a transformación da cidade. Iso pódese facer desde o goberno ou desde a oposición. Veremos cal é a situación.

-Que tería que pasar para que o BNG entrase nun pacto de goberno?

-É un proceso de debate, de análise de cales son as cuestións fundamentais para o futuro da cidade. Non vai haber maiorías absolutas, o próximo goberno vai ter que ser de coalición. Afirmar que hai cuestións sobre as que non se pode falar, como iniciou a campaña o PSOE, é un moi mal comezo para unha campaña e peor para unha posible coalición.

-Resuma nunha frase o seu programa.

-Rematar cos abusos sobre os veciños desta cidade, tanto de Administracións públicas, como o Estado ou a Autoridade Portuaria, e transnacionais que xestionan os servizos básicos nesta cidade, para poder encarar o futuro en base a criterios de sostibilidade económica e medioambiental.

-Por que os ferroláns deberían votar ao BNG?

-Porque se queren resultados diferentes non poden facer sempre o mesmo. Rey Varela xa foi alcalde, Jorge Suárez tamén e Ángel Mato dirixiu a concellería de Urbanismo con Vicente Irisarri. Os veciños xa non precisan escoitar o que lles teñen que contar: teñen a experiencia do que fixeron. Se queren dar continuidade a estes doce anos de xestión, esa é a súa opción.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
24 votos
Comentarios

Iván Rivas: «Ferrol precisa romper moitos tabús»