«Somos xente a granel: ningún temos unha marca detrás»

FERROL CIUDAD

JOSE PARDO

Bernardo Lorenzo Cuétara, candidato da Marea de Ferrol

19 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un «rapaz de aldea», estudante de Ciencias Políticas a distancia, consultor de comunicación e exconcelleiro do BNG entre 1999 e 2003 aspira agora a ser alcalde de Ferrol. Bernardo Lorenzo Cuétara (Montecuruto, 1962), Berni para os amigos e na campaña que corre polas redes, tenta que Marea de Ferrol entre no Concello «para darlle a volta como un calcetín». Preséntase como a antítese de Ferrol en Común e sabendo que o seu acordo con En Marea poderíalles prexudicar.

-¿Por que volve á primeira liña da política local?

-Apaixóame a política local. E volvo neste ámbito porque atopei un sitio nun proxecto que ten unicamente a Ferrol como referente, non ten obediencias de fóra e no que está representada a pluralidade de esquerda. -«Faino posible», di o seu eslogan. ¿Que é o que hai que facer posible?

-Recuperar a ilusión por avanzar no Concello. Vimos de catro anos que nos fixeron retroceder no plano material, pero sobre todo no inmaterial. Para moita xente progresista estes catro anos nos fan dano, porque con discursos semellantes ao que nós defendemos se fixeron prácticas moi conservadoras. Hai que ser quen de construír unha maioría estable e sólida dende a pluralidade da esquerda.

-Se entrara nun goberno a tres ou a catro, como apunta Sondaxe, ¿como garantiría a estabilidade dese acordo para que non sucedera o deste mandato e doutros anteriores?

-Con rigor. O acordo de goberno ten que estar por escrito e absolutamente claro, nada de vaguedades: tanto nos obxectivos como nos mecanismos para resolver os conflictos, porque evidentemente os vai haber. E un compromiso firme de que ou mantemos o goberno solidamente os catro anos ou deixamos que goberne a lista máis votada e non lle facemos máis dano a Ferrol con parvadas.

-Arroxe un pouco de luz nesta sopa de siglas. ¿En que se diferencia Marea de Ferrol de Ferrol en Común?

-Somos proxectos completamente distintos. A nosa existencia depende de que fagamos o que dicimos. Aquí non hai comités que nos amparen: os cargos respondemos directamente ante a xente. Somos xente a granel: ninguén ten ningunha marca detrás. Somos a antítese das coalicións electorais, como é Ferrol en Común.

-Preséntanse baixo o paraugas de En Marea. ¿Non temen que as súas polémicas lles pasen factura nos resultados?

-Nós non concurrimos baixo o paraugas de En Marea. Somos un partido soberano de ámbito local que ten un acordo con En Marea para sumar a representación de distintos concellos á hora de chegar á Deputación. Sabemos que nos pode prexudicar, qué lle imos facer. Pero tamén sabemos que para poder facer políticas locais se necesita interlocución fóra.

-Once partidos nas municipais, a esquerda fragmentada... ¿Que pasa na política ferrolá?

-Que é rica e ten matices. O malo é que haxa proxectos políticos que non se presentan á sociedade. Non é bo que haxa marcas que representan unha pluralidade de proxectos, porque iso provoca que estoupen.

-O seu programa nunha frase.

-Para a xente e coa xente.

-¿Con que medida se quedaría?

-Coa implantación dunha renda mínima municipal.

-Cun programa tan extenso e aberto, dificilmente poderá realizarse nun mandato...

-É imposible cumprilo nun mandato. Pero nós non facemos ningunha promesa electoral, nós facemos propostas.