Iolanda Teixeiro: «O que facemos en Ferrol inflúe en Indonesia»

i.v. / r.p.p. FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

CESAR TOIMIL

A cabeza de lista da formación decrecentista critica que a obra de Armas se realice en campaña

16 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ferrol será xunto a Miño as dúas únicas alcaldías polas que loite Ligando, a formación «ecofeminista e decrecentista» que encabeza Iolanda Teixeiro Rei (Ferrol, 1963). Esta ferrolá «de toda a vida», de Xoane, está especializada en pedagoxía e é profesora de taichí. E aspira a levar ata o Concello de Ferrol unha filosofía que pretende actuar no local para mudar o global.

-¿Que quere dicir Ligando?

-É unha palabra patrimonial galega que tamén existe no mundo da lusofonía, e os panadeiros aínda a utilizan, falando de que ligan a masa. Quizais quedou restrinxido a iso e ao ligoteo de namorisco. É un tempo en xerundio, porque queremos marcar que é un proceso continuo, que non remata nunca. E é intentar recuperar a comunidade, no sentido de unir ás persoas no común: na defensa do barrio e do rural. Volver a reconstruír o tecido comunitario en todos os sectores.

-¿Non é como cambiar o mundo dende Ferrol?

-E que é a única maneira de cambiar o mundo. Precisamente Ligando nos definimos como decrecentistas.

-¿Que é o decrecentismo? Sona a retroceso...

-De primeiras, si. Vivimos nunha sociedade tan rápida que non dá tempo a pensar as cousas. Decrecer parece ir a menos: non significa iso. Significa que si seguimos crecendo a este ritmo o planeta xa se está indo e xa vemos as consecuencias. E depende do local, do que facemos todos, aquí, en Ferrol, en Coruña, en Indonesia... O que facemos aquí cada día cada ferrolán está influíndo no que está a pasar en Indonesia, en China, en África... Non está separado a insolidaridade norte sur co noso comportamento cotiá de consumismo innecesario.

-¿Por que non se puxo para a foto publicada en La Voz hai uns días con todos os candidatos na escalinata do Concello?

-Eu dixen alí que non me vou fotografar cunha persoa [a candidata de Vox] que non respecta os dereitos fundamentais das persoas, principalmente dos inmigrantes, das mulleres e os dereitos lingüísticos e culturais do noso territorio. Lle propuxen aos outros candidatos que elixiran entre fotografarse comigo ou con unha muller dun partido que non respecta os dereitos humanos e da Constitución. Eles tomaron esa decisión.

-¿Que intencións teñen para a praza de Armas?

-Como decrecentista non podemos estar defendendo unha cidade para os vehículos. Eu vou a todas partes camiñando e sei o que é o transporte público porque sufro non ter transporte dende Catabois. Non ter coche é un problema moi gordo en Ferrol, máis grave que en calquera outra cidade. Hai que facer que os párkings sexan utilizados ao cen por cen. A obra de Armas, estou dacordo en que hai que facela e sen aparcamento. Pero, agora xusto, en precampaña ou campaña, non estou dacordo.