Ana Veiga Soria: «Se buscas traballo, aposta polo inglés»

A responsable de Comunicación de Galejobs revela que a maioría das ofertas laborais estanse movendo hoxe polas plataformas dixitais e redes sociais


a coruña / la voz

Quedarán os robots cos nosos traballos? Ante a pregunta do millón, Ana Veiga (Ferrol, 1985), portavoz de Galejobs, pensa que «o medo á tecnoloxía é o medo ao cambio. Gústame máis falar de cobótica, que é traballar cos robots». Entramos na sede coruñesa do Infojobs galego.

-Buscar traballo é un traballo?

-E moita xente non é consciente do traballo que supón!

-O boca en boca segue valendo?

-Si, pero a maioría das ofertas laborais estanse movendo por Facebook, GoogleJobs e plataformas coma nós.

-Aquí non hai brecha dixital?

-Si. As seccións de campo e mar soen estar valeiras en Galejobs.

-É que para sachar non fai falla teclear!

-Pois creamos eses apartados, precisamente, para que o tema puidera chegar a máis xente.

-E pola contra, cal é o perfil estrela en Galejobs?

-Enxeñeiros búscanse moitísimo. E comerciais e administrativos, sempre. Agora mesmo temos ofertas de enxeñeiros especializados en PLC, para o tema de robótica.

-Xa nomeou a bicha!

-Ja, ja...!

-Vostede non lle teme?

-O que hai que ter é formación. Medo aos robots, non.

-Servirán para quitarnos de diante o traballo máis tedioso?

-Iso é unha tendencia xa. Hai que apostar por profesións máis creativas que collan todo iso que os robots podan automatizar.

-O conto é que a tecnoloxía avanza vertixinosamente.

-Meu teléfono ten cinco anos e xa parece que ten 25! Hoxe temos que formamos en cousas que hai cinco anos non existían.

-Como podo formarme para un traballo que non existe?

-Con capacidade de adaptación e formación continua A flexibilidade é unha das competencias que máis nos piden as empresas.

-Estar preparado antes de tempo.

-Estar pendente das pistas, das sinais, das novas que saen nos xornais. Se non encaixas, mira por que. Iso é o que che falta.

-O inglés segue a ser a nosa materia pendente?

-Pídese ata para postos nos que nunca pensarías que se precisa. E cústanos moito atopar xente que teña un nivel alto. Se buscas traballo, aposta polo inglés.

-Por que cando dicimos o noso posto en inglés parece que soa máis importante?

-Eu non entro nesa loita de novas definicións pero, se o quere dicir en inglés, eu son communication manager [risas].

-Terá visto de todo... Algún cargo tocou a súa fibra sensible?

-Si. Sherpa empresarial. Fíxome moita graza!

-E a oferta laboral máis curiosa de Galejobs cal é?

-En Nadal sempre nos chegan as de Rei Mago [risas]. Pero, mensaxe para a xente que busque Reis Magos: Mellor buscalos en novembro que non a finais de decembro [ri de novo].

-Queda dito para o ano que ven.

Con que formación me contrataría xa?: «Con enxeñería informática, enxeñería de procesos e un nivel alto de inglés». 

¿Conseguiu o seu traballo en Galejobs por Infojobs?: «Ja, ja... Foi unha proposta de María Hermo, fundadora de Galejobs con Noelia Amado e Judit Garrós».

«A Coruña é a cidade dende a que máis se entra en Galejobs»

O desemprego soe cebarse coas mulleres. Ana Veiga, de Galejobs, forma parte dun equipo feminino case ao cen por cen.

-Traballa nunha empresa fundada por mulleres. Que sorte! Vostedes non teñen brecha salarial!

-A sorte de estar nunha empresa fundada por mulleres facilita moito a igualdade salarial, porque partimos desa concienciación de base.

-Por iso quitan o masculino xenérico das ofertas?

-A nosa política é que todas as ofertas deben estar abertas a todos os xéneros; para crear ese imaxinario de que todos podemos acceder. Nós, como mulleres, dámoslle moita importancia a iso. E poden ocultar a idade, porque iso pode ser un freo. Dicíannos: «En canto ven que teño 50, non me chaman».

-Cantas das súas ofertas son para Coruña e comarca?

-Con datos de hoxe, da provincia da Coruña son o 59,2 % das ofertas vixentes. Da Coruña cidade, o 18,4 % do total.

-Cando salta un ERE na Grela, se dispara o tráfico na web?

-Pois non temos ningún estudo relacionando estes datos.

-E que me di do perfil dos demandantes?

-Se falamos de usuarios do portal, no 2018 a cidade dende a que mais usuarios entraron en galejobs.com foi A Coruña (o 21,6 % do tráfico da web en todo o ano). E tamén na provincia.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Ana Veiga Soria: «Se buscas traballo, aposta polo inglés»