Pablo Prieto: «Os valores máis importantes son os da convivencia, non os da competición»

FERROL CIUDAD

MARCOS MÍGUEZ

Afirma que «o deporte ten unha dimensión educativa que non se pode esquecer xamais»

21 abr 2019 . Actualizado a las 18:18 h.

Pablo Prieto (Narón, 1964), vicepresidente da Federación Galega de Fútbol -institución na que dirixe o ámbito de fútbol sala-, vén dunha familia de panadeiros. Cousa que non pasaría de ser unha anécdota máis, se non fose porque esa profesión, cando se vive desde neno, é un deses oficios que imprimen carácter, e que o fan para sempre. Ese carácter que se forxa arredor do traballo duro e do convencemento de que todos os días, sen excepción ningunha, un ten a obriga de intentar facer as cousas ben. Dedicado agora ao mundo da xestión, Prieto foi, durante longos anos, un dos adestradores de referencia do fútbol sala español, e desenvolveu o seu labor como técnico tanto dentro como fóra do país. Daquela etapa súa quédanlle, por suposto, os recordos. Pero tamén unha experiencia á que alude frecuentemente, e o convencemento de que na competición deportiva non só se aprende a gañarlle ao rival, senón sobre todo a superarse a un mesmo.

-Xa sei que a pregunta vai parecer un xogo de palabras, pero... ¿o fútbol sala é fútbol, ou é outro deporte distinto?

-No esencial, o fútbol sala é fútbol, con independencia de que o lugar no que se practica sexa diferente, e aínda que se xogue nun espazo máis reducido. E digo máis: o fútbol sala, cando os nenos empezan a facer deporte, é, dalgún xeito, o que o fútbol será para eles cando medren. Nas categorías inferiores, as diferenzas apenas son apreciables. Outra cousa é, por suposto, se falamos das categorías superiores. Pero, aínda así, a raíz é a mesma. É o mesmo deporte, claro que si.

-Pero non se xoga da mesma maneira, ¿non? E desculpe o descoñecemento...

-Non, claro. Nas categorías superiores, non. Aí entran esas diferenzas ás que aludía eu antes. Veñen os matices: as accións do xogo son máis rápidas, a resposta do xogador ten que ser máis rápida tamén, etcétera...

-Desde a súa perspectiva actual, como dirixente deportivo, ¿que é o que máis lle preocupa hoxe do deporte galego? E neste caso non só falo do fútbol sala, claro está.

-Pois mire, hai algo no que eu nunca deixarei de insistir: en que que a práctica deportiva é algo que ten que estar ao alcance de toda a poboación. Traballar nesa dirección é algo moi importante para min. O deporte é saúde, e as administracións públicas teñen que ter en conta sempre que iso é así. Un reto importante en Galicia, por exemplo, é poder achegar a práctica deportiva a todos os cidadáns, vivan onde vivan, sen excepcións. E hai que facelo. É fundamental. Por iso eu animo moito aos concellos, que son a administración pública máis próxima ao cidadán, a traballar nesta dirección. E dun xeito moi especial cando se trata dos nenos. Porque o deporte ten unha dimensión educativa que non se pode esquecer xamais. Os valores máis importantes non son os da competición, senón os da convivencia.