Paixón

Eva M. Montero

FERROL CIUDAD

19 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ferrol celebra a súa semana grande. Mesmo con previsións meteorolóxicas adversas, a Semana Santa local converteuse nun reclamo de primeira orde para unha cidade que pide a berros xente para pasear, gozar e consumir nas súas, durante boa parte do ano, semibaleiras rúas.

Milleiros e milleiros de persoas abarrotan o centro de Ferrol durante o día e parte da noite; e non só iso, senón que moitos destes turistas aproveitan a súa estancia na cidade para coñecer a atractiva oferta patrimonial, museística e natural do noso municipio. A Ruta da Construción Naval -cun «completo» desde hai días nas súas visitas ao Arsenal Militar, Capitanía, Cuartel de Dores e ruta do Modernismo, e escasas prazas libres para Navantia-, a ría cos seus castelos, as Meninas de Canido, os singulares museos -Construción Naval, Sociedade Galega de Historia Natural, Naval ou Museo da Semana Santa- e o tramo local do Camiño Inglés, xunto coa magnífica costa e areais, constitúen algúns dos nosos principais recursos turísticos que, por tanto, debe coidar, potenciar e poñer en valor a Administración para conseguir o obxectivo: facer de Ferrol unha cidade viva. Ante os previsibles magníficos resultados, un ano máis, da Semana Santa, resulta cada vez menos entendible cuestionar o apoio desde as institucións (empezando pola municipal) a unha celebración e actividades «complementarias» que, máis aló de crenzas relixiosas, supoñen un estupendo escaparate dunha cidade que ten moito que ofrecer, ademais dunha importantísima inxección económica. Apostar por isto si que é un verdadeiro acto de paixón, de paixón por Ferrol.