Montón

Eva Montero O BAÚL

FERROL CIUDAD

05 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aproveitar o que temos, mantelo e potencialo. O que sería o «Tema 1» de calquera manual de política, en Ferrol parece que se resiste. Á falta de promoción de novas iniciativas que dinamicen e diversifiquen unha economía maltreita e excesivamente dependente do sector naval, súmase o evidente abandono por parte da administración no coidado da cidade, tanto dos servizos públicos que se prestan como do patrimonio municipal.

E cando se fala de patrimonio non só se fai daquel vinculado á arquitectura e ao urbanismo, senón tamén do natural. Ferrol dispón, ademais dunha excepcional ría que grazas á instalación da depuradora se está a recuperar, de espazos verdes privilexiados, como a primeira alameda de Galicia (a de Suanzes), o Cantón, os xardíns de Herrera ou o parque Reina Sofía; este último obxecto de constantes ataques vandálicos, sobre todo en Aquaciencia, parque didáctico chamado a ser referente en Galicia e hoxe completamente infrautilizado.

Pero se existe un parque que estaba -e está, a pesar de todo- chamado a ser o pulmón de Ferrol, é o do Montón, impulsado durante o goberno socialista de Irisarri. Con arredor de 28.000 metros cadrados, máis dun milleiro de árbores de 58 especies distintas -unha riqueza botánica innegable- e un investimento público -semella que desperdiciado- de 700.000 euros a través de obradoiros de emprego, exemplifica á perfección esa falta de interese, ou de capacidade, á hora de poñer en valor un espazo magnífico, co que Caranza gañaría enteiros en calidade de vida, ademais de sumar unha importante zona de lecer natural conectada cuns paseos moi transitados.