«Agora tamén eu sinto a morriña: nos Estados Unidos teño saudade de Ferrol»

A estadounidense Kerry Ann McKevitt, investigadora e experta nas literaturas de Galicia e Irlanda, é a vicedirectora da Escola de Idiomas 


FERROL / LA VOZ

De familia orixinaria de Irlanda, Kerry Ann McKevitt naceu nos Estados Unidos, en New Jersey, no ano 1977. Sendo moi nova aínda, e tras estudar Literatura Hispánica, comezou a traballar para unha prestixiosa firma de letrados de Nova York, en Manhattan. E alí -rodeada de documentos- pasou unha breve etapa da súa vida. Pero enseguida decidiu regresar ao mundo das linguas e da creación literaria, e marchou á Universidade de Oxford, onde se doutorou cunha tese sobre as literaturas de Galicia e Irlanda. Discípula de John Rutherford, é unha figura de referencia no ámbito da tradición literaria atlántica. E ao mesmo tempo desenvolve o seu labor profesional no ámbito da docencia, como profesora de inglés e subdirectora da Escola de Idiomas de Ferrol.

-E decidiu, vostede, vivir en Galicia...

-Galicia é a miña casa, a terra na que está a miña vida e na que quero que estea o meu futuro. E agora tamén eu sinto a morriña: nos Estados Unidos, cando vou ver á miña familia, teño saudade de Ferrol. Pásame cada vez que volvo alá. Cando non estou aquí, en Ferrol, sinto que me falta algo, porque esta cidade xa é parte de min.

«Galicia é a miña casa, a terra na que está a miña vida e na que quero que estea o meu futuro»

-Fala vostede un galego moi fermoso.

-¿Si...? Agradézolle que mo diga. A lingua galega é algo moi importante para min, ela foi a que me trouxo ata aquí, a a esta terra. A Galicia cheguei a través da lingua, e son moi consciente do grandísimo tesouro que é, para un país, posuír unha lingua coma o galego, que é un idioma marabilloso, unha inmensa riqueza.

-¿Que impresión lle produciu Galicia cando a viu por primeira vez?

-Pois mira, ao chegar a Galicia eu dinme conta de que esta era a terra que eu soñaba. Creo que iso pode dar unha idea do que isto supuxo para min...

«Cando non estou en Ferrol sinto que me falta algo, porque esta cidade xa é parte de min»

-Vostede, que se dedica profesionalmente ao ensino do inglés, a súa lingua materna, e que ao mesmo tempo é unha firme defensora da lingua galega, ¿que futuro lles augura ás pequenas linguas de Europa, neste tempo de case absoluta globalización?

-Eu penso que as pequenas linguas van ter un futuro moito máis luminoso do que moita xente pensa. Cando se di que a era de Internet fará desaparecer cada vez máis linguas pequenas, estase esquecendo algo fundamental: que as linguas son un patrimonio moi valioso non só no aspecto cultural, senón tamén no económico. Cando ti coñeces unha lingua que te leva ao corazón dun pobo, estás abrindo vías de interlocución, e polo tanto de negocio, que entrañan unha forma de relación moitísimo máis estreita, creando así novos camiños para a economía.

«Para un país, posuír unha lingua coma o galego é posuír un grandísimo tesouro»

-¿Que será de Ferrol no futuro?

-Ferrol ten un gran futuro ante si. É unha cidade fantástica, envolta nunhas paisaxes, e cunhas praias que non teñen nada que envexar a calquera outro lugar. E Ferrol está, ademais, cheo dun talento excepcional.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos
Comentarios

«Agora tamén eu sinto a morriña: nos Estados Unidos teño saudade de Ferrol»