Antón Cortizas: «Hai quen esquece que a vida humana é para compartir, non para competir»

Ramón Loureiro Calvo
ramón Loureiro REDACCIÓN / LA VOZ

FERROL CIUDAD

CESAR TOIMIL

Afirma que «educar é, ante todo, intentar sacar o mellor que hai en cada un de nós»

03 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Antón Cortizas (Ferrol, 1954), ademais de escritor, é mestre sempre. Si, de feito segue sendo mestre, a pesar de levar xa un tempo xubilado da docencia. Porque, como máis dunha vez se ten contado, o ensino, no sentido máis elevado do termo, é algo que vai intimamente unido á súa maneira de existir. Mañá, luns, presentará un novo libro no Centro Cívico de Canido, ás 20 horas, Non trabes na lingua. Unha obra, editada por Galaxia, que se vai dar a coñecer ao público nun acto organizado pola asociación Muíño do Vento no que tamén participará o director da editorial, Francisco Castro. Pero, ao mesmo tempo, Cortizas xa traballa noutro proxecto novo, que será un disco e un libro, á vez; O colo das palabras. Un traballo inspirado na súa neta Loaira no que os versos se converterán en cancións a través das voces de intérpretes como Xurxo Souto, Guadi Galego, Uxía e Manolo Bacalhau.

-Desde que se converteu en avó, ¿ve o mundo doutra maneira?

-Home, non sei se vexo o mundo doutra maneira, pero o que si podo dicir é que ser avó é unha das cousas máis fermosas que che poden pasar na vida.

-Unha experiencia distinta á da paternidade...

-Pois mira, si. É distinto. A paternidade é unha cousa diferente. Ser avó faiche tomar conciencia, por exemplo, do importante que é manter o tesouro da nosa infancia. A infancia é unha das cousas máis fermosas que posuímos, e nunca deberiamos deixar desaparecer o que temos de nenos, a infancia que hai en nós. A min, ter unha neta fíxome reflexionar sobre moitas cousas. E agora dáme máis pena que nunca ver que aínda hai quen esquece que a vida humana é para compartir, non para competir.

-Vese verdadeiramente feliz.

-Si, porque así e como me sinto nesta etapa da vida. Ser avó é algo lindísimo, unha cousa indescritible. E non hai que esquecer, tampouco, que os nenos son o que fomos nós; todo o que nós perdimos co paso do tempo.

-¿Segue botando de menos o seu paso pola docencia, os seus anos de mestre?

-Pois verás, non é que bote de menos a actividade laboral como tal, pero o que si boto de menos é o contacto cos nenos. Porque cos nenos sempre se aprende moito. Eu vou por aí, e cando vexo rapaces sempre me gusta falar un pouco con eles. Iso é o que boto de menos, o contacto de cada día cos rapaces. Gustoume moito ser mestre, estar na escola.

-E renaceu o seu interese pola poesía. Incluso polo mundo da música

-¡Así é, si...! Pero mira...

-Dígame

-¿A ti non che parece que cando un está escribindo poesía tamén está facendo música? As palabras teñen o seu propio ritmo.

-¿Que é educar?

-Educar é, ante todo, intentar sacar o mellor que hai en cada un de nós. E en todas as persoas hai algo moi valioso.

«Ser avó é unha

das cousas máis fermosas que che poden pasar na vida»

«Nunca deberiamos deixar desaparecer o que temos de nenos, a infancia que hai en nós»

«Os nenos son o que fomos nós, o que nós imos perdendo co paso do tempo»