Oportunidade perdida

Eva M. Montero O BAÚL

FERROL CIUDAD

22 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai só uns días, clausurábase en Compostela a terceira edición de Fairway, o gran foro internacional do Camiño de Santiago. Ao longo de tres xornadas desenvolveuse a feira, con congreso incluído, que se saldou con case 2.000 encontros profesionais con 35 empresas procedentes de 15 países do mundo e coa participación de máis de cen expositores, que acudiron ao Palacio de Congresos compostelán cos obxectivos de incrementar os beneficios e aproveitar as sinerxias que se xeran por e grazas aos camiños. Deste centenar de espazos expositivos, cincuenta correspondían a concellos, tanto de Galicia como do resto de España e de Portugal.

Ferrol, como supoñerán a estas alturas, nin estivo nin se lle esperou, como vén sendo habitual en iniciativas vencelladas co Camiño. Sorprende que a cidade, que foi en 2018 quinto punto de partida de todos os Camiños, con 13.335 peregrinos, deixe en mans das propias inercias do Camiño, da saturación do francés e do traballo que realizan outras institucións e entidades cidadás, o devir do devandito itinerario, ademais de non traballar nas moitas potencialidades que presenta o tramo local para conseguir a diversificación económica tan necesaria no noso municipio.

Neste caso concreto, foi a Deputación quen puxo en valor o Camiño Inglés, destacando que esta ruta é, xunto coa de Fistera-Muxía, a que máis creceu en 2018. Esperemos que o traballo que están a desenvolver dende a institución provincial pero, sobre todo, diversas entidades da cidade teña a súa recompensa, aínda que parece que, polo menos, ata despois de maio, vai ser misión imposible. Mágoa.