Loli Vázquez: «O Toxos é unha parte moi importante da miña vida desde que era nena»

Afirma que «a música tradicional forma parte da esencia e das raíces de Galicia»


redacción / la voz

Loli Vázquez Moreno, a única muller que posúe a Medalla de Ouro do Real Coro Toxos e Froles, naceu en Ferrol en 1967. E tres anos despois seu pai -abandeirado do Toxos, por certo, e toda unha institución tamén no decano dos coros tradicionais galegos- xa a inscribiu na histórica entidade que leva o nome de Galicia por medio mundo. En principio, para que aprendese a bailar. De maneira que a Loli xa lle falta pouco máis dun ano para poder dicir que está no Toxos desde hai medio século.

-Coma quen di, unha vida enteira...

-Practicamente toda a miña vida, pódese dicir así. Eu creo que, a día de hoxe, xa non sabería entender a miña existencia sen o Real Coro. Son filla dun corista, o meu marido é corista tamén, e eu, chegado este momento, xa sinto que o Toxos sempre formará parte de min. O coro e a súa xente, unha auténtica familia, é algo ao que sempre estarei unida. O Toxos é unha parte moi importante da miña vida desde que era unha nena, e vaino ser sempre.

-¿Que representa hoxe o Toxos para Ferrol?

-Pois eu penso que segue a representar o que xa representou desde o comezo. É un símbolo da nosa cidade. Pero eu aínda diría máis: o coro segue a ser un verdadeiro símbolo da nosa Galicia. Cando o coro canta, e cando soa a nosa música, sexa onde sexa, Galicia sempre está presente, e iso todo o mundo o percibe.

-¿Que momento atravesa agora a música tradicional?

-A música tradicional forma parte da esencia e das raíces de Galicia. Nese sentido, é algo que sempre vai estar aí, porque ten o seu propio lugar, e sería terrible que nalgún momento puidera chegar a perderse. Ademais, agora estamos nuns momentos nos que ao labor constante das formacións que mantiveron viva a nosa tradición cultural, como é o caso do Toxos, vense sumar a aparición de novos intérpretes de instrumentos tradicionais, como é sobre todo o caso dos gaiteiros, que xa moven un público formado por auténticas multitudes. A música galega pasou momentos difíciles, pero iso quedou atrás, e seguirá indo a máis.

-E o Toxos, ¿en que momento se encontra?

-O Toxos está nun gran momento. A aposta decidida polas escolas, por achegar a nosa música tradicional aos nenos, deu un resultado fantástico, e aí está. O froito dese traballo vese, a día de hoxe, en todas as seccions do Real Coro. E estamos moi contentos.

-O futuro está garantido, logo...

-O futuro non está escrito. Se vostede me pregunta qué será do Toxos dentro doutros cen anos, eu, por suposto, non lle podo contestar con certeza. Pero hai algo que si podo dicirlle: o que eu creo.

-¿E que é o que cre vostede?

-Pois mire, que dentro de cen anos o Toxos seguirá funcionando estupendamente e que a xente seguirá emocinándose cando o sinta cantar.be»

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

Loli Vázquez: «O Toxos é unha parte moi importante da miña vida desde que era nena»