Diversificar

Eva M. Montero O BAÚL

FERROL CIUDAD

11 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Apróxima construción das fragatas F-110 por parte de Navantia Ferrol foi unha das noticias máis aplaudidas -e máis esperadas- dos últimos tempos para unha cidade que necesita e urxe traballo como auga de maio. O feito de que o noso estaleiro principal e empresas auxiliares teñan garantida a carga de traballo durante a próxima década, sumado ao seu plan de modernización e ás novas contratacións -mesmo cos seus matices e peros-, espertaron un optimismo entre boa parte da cidadanía como facía tempo non se percibía.

A ninguén se lle escapa, pois, que o sector naval segue a ser determinante no devir da economía local e comarcal, polo que habería que esperar bos tempos para a cidade, ou polo menos, mellores que en etapas anteriores coas gradas baleiras. Pero, dito isto, a realidade de Ferrol é que nestas décadas, mesmo con carga de traballo para Navantia, os datos de desemprego e, sobre todo, de emigración, foron tremendos. E precisamente a falta de diversificación da nosa economía, coa especial dependencia do naval, foi un dos principais causantes deste constante despoboamento.

Polo tanto, apostar por outras fontes de riqueza ten que ser un obxectivo prioritario, aproveitando o que parece ser un bo momento, e mellorando para iso as comunicacións -cuestión fundamental-, potenciando o porto exterior e interior -incluso coa opción de desenvolver unha plataforma loxística-, ou aproveitando o filón que temos co turismo a través do Camiño Inglés, o Modernismo ou a candidatura a Patrimonio Mundial. Deixar pasar esta oportunidade será, unha vez máis, pan para hoxe e fame para mañá.