Somos menos


Remata o ano e somos menos. Os datos non deixan lugar ao engano. Ferrol leva perdendo poboación varias décadas. Desde a dura reconversión naval dos oitenta, a sangría demográfica non cesou e, así, dunha cidade próspera e rozando os 100.000 habitantes, pasamos a ser unha urbe decadente de menos de 70.000. O peor do asunto é que en todos estes anos non houbo ningún goberno capaz de articular as medidas necesarias para reverter unha situación que, aínda que é coñecida pola totalidade dos partidos, na práctica non só non se viu plasmada cun incremento poboacional, senón todo o contrario.

Precisamente o desenvolvemento dun plan demográfico debe ser asunto prioritario para a administración local, sexa do signo que sexa, e integrar un dos acordos de consenso para a corporación local. Sen dúbida, estamos ante un dos temas estratéxicos de presente e futuro de Ferrol, polo que o acordo debe ser unha máxima e unha cuestión de responsabilidade para todos e cada un dos partidos políticos da nosa cidade.

Analizar as causas desta «fuxida» -municipios como Narón si teñen experimentado un notable crecemento nestes anos, a pesar da presente freada- e, en base a ese estudo poñer as medidas correctoras necesarias para non só non perder habitantes, senón incrementalos -diversificación laboral e apoio a sectores como comercio, emprendemento ou turismo, axuda real á rehabilitación de vivendas, e apoio á conciliación familiar, entre ou debe formar parte prioritaria das axendas políticas se realmente queremos que Ferrol saia adiante. E estou convencida de que é posible, aínda que sexamos menos.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

Somos menos