Guillermo Llorca: «Pepito Arriola foi nacer a Betanzos, xa que así era a sociedade da época»

Isidoro Valerio / B. a. FERROL

FERROL CIUDAD

CÉSAR TOIMIL

«Pablo Iglesias marchou de neno e só volveu en catro ocasións para mítines», conta

24 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Guillermo Llorca (Ferrol, 68 años) presenta unha segunda edición do seu libro Ferroláns, que saíu por primeira vez no ano 1996 cun centenar de biografías de veciños destacados. Na que estrea esta semana engade máis de 200 a unha obra do selo Embora, que cumpre un cuarto de século na cidade.

-¿Como xurdiu esta ampliación do traballo de hai 23 anos?

-A recompilación inda é un pouco máis antiga, xa que eu comezara a facer esta serie de personaxes ferroláns no 1987 no xa desaparecido Diario 16. Despois chegou o primeiro libro e seguín traballando así que hoxe presento un libro con 317 ferroláns.

-A condición para saír no libro é estar morto...

-Por suposto, se me meto cos vivos ía ser tremendo. Practicamente recollo dende o século XVI ata un dos últimos, que foi Alfredo Martín, pai dese fermoso Belén da Orden Terceira.

-Están os que fixeron cousas loables e os que non tanto...

-Claro, porque tamén está Franco que incluso está na portada. E algunha persoa me di: ‘Qué atrevido eres’, pero eu penso que non imos negar a historia. Creo que hai que basearme en documentos, pero non estou disposto a negar unha parte da historia, así que nesa capa do libro está Franco, pero tamén Pablo Iglesias, Concepción Arenal, Ángeles Alvariño... Fixen un esforzo notable por incorporar as mulleres, penso que hai que rescatalas do esquecemento e poñelas no lugar que merecen.

-¿As novas biografías son so de persoas que faleceron estes últimos anos?

-En 23 anos a porcentaxe dos falecidos medrou, pero non son todas as novas. O que fixen foi ir ampliando as miñas investigacións e por iso puiden completar a entrega de Ferroláns na Arxentina ou en Cuba, onde rescatei figuras clave. Hoxe en día cas redes sociais e o sinxelo que é estar en contacto con colegas investigadores pódese avanzar moito.

-José Arriola, do que se acaba de presentar un traballo, ¿forma parte do libro?

-Non, porque é de Betanzos. Teño pola casa a súa partida de nacemento e é betanceiro. As que si saen no libro son Aurora Carballeira e Hildegart. De feito, Aurora concibe a súa filla cando a súa propia irmá lle retira da súa influencia a Pepito Arriola e el é un rapaz que vai a nacer a Betanzos, xa que así era a sociedade ferrolá da época: el era fillo natural e non se admitía na familia acomodada.

-¿Haberá máis entregas agora que deixou a docencia?

-Penso que teño menos tempo que cando traballaba. Moitas veces penso en persoas que non naceron aquí, pero teñen aportado máis que os nados: o mesmo Pablo Iglesias marcha de neno e regresa catro veces na súa vida para dar mítines; a mesma Concepción Arenal... Nembargantes hai xente de fora que deixou unha pegada moi importante, pero iso deixámolo para máis adiante.

-¿Haberá presenza da súa propia familia?

-Entre eses 317 personaxes figuran o meu sogro: Pepe Loureiro, porque penso que temos que estar moi fachendosos do que ten aportado esta cidade a pesar de que nunca chegou a 100.000 habitantes. Houbo políticos, sindicalistas e empresarios notables. Por iso tiña que estar. Xa fai anos escribín sobre a historia da Ibense, a máis famosa xeladería, era un libro que tiña que facer. A nivel familiar creo que xa está case cumprido, só me queda o meu irmán Jorge.