No pasamento de Helena Sánchez (1944-2018)

Xosé Lastra Muruais

FERROL CIUDAD

15 nov 2018 . Actualizado a las 18:06 h.

Cando polos anos oitenta cheguei a Caranza, batín cun grupo de persoas na ANPA do centro, maiormente mulleres e nomeadamente ti. Aquel barrio que nos ensinastes a amar por mor da inmensa querenza que lle tiñades. Aprendemos tanto con vós! 

Lembramos nidiamente o teu devezo e a túa disposición sempre a mover o mundo, dende unha apracible afouteza. Nada che foi alleo no plano educativo, lingüístico, asociativo, político... Non houbo movemento social no que non participases dende unha posición radicalmente de esquerda e galega. Nin manifestación cultural que non te chamase: literatura, cine, música, arte... Foron máis de tres décadas de emocións e arelas compartidas.

Agora fúcheste tan de súpeto, coma un lóstrego, deixándonos orfos e sen nos dares tempo a che dicirmos, unha vez máis, canto te queremos e canto queriamos aínda compartir contigo. Vaia esta pequena homenaxe na memoria dese camiño convivido. Perdémoste e perdeute a nación soñada.

Sempre nos nosos corazóns.