Consenso

Eva M. Montero O BAÚL

FERROL CIUDAD

02 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sucede cada catro anos. A uns meses das eleccións, os partidos pisan o acelerador e comeza iso que se chama precampaña, primeiro, e campaña, nos quince días previos ao día D. Reproches aínda máis subidos de ton que durante o resto do mandato entre quen gobernou e a oposición, execución de investimentos especialmente elevados para gañar votos por parte de quen ostenta a responsabilidade política e, sobre todo, promesas a millóns e presentación de proxectos faraónicos, centran a actualidade neste período. Pero, por desgraza, cando pasou o día, pasou a romaría, e todo iso que se vende aos catro ventos comeza a diluírse en canto as corporacións quedan constituídas.

En Ferrol, cun mapa político especialmente fragmentado, froito, posiblemente, da terrible situación laboral, social e demográfica na que se atopa sumida a nosa cidade desde hai xa décadas, esta especie de manual electoral reprodúcese cunha especial virulencia. E o resultado? A disensión permanente, a crispación e a constante loita de siglas. O cortoplacismo e o canto peor, mellor convértense no modus operandi con consecuencias dramáticas na xestión do día a día; por non falar da posibilidade de desenvolver proxectos estratéxicos con vistas ao futuro.

Por iso, á marxe de ideoloxías, que todas e todos temos -eu a primeira-, resulta fundamental para que Ferrol poida avanzar (e, por tanto, facer política da verdadeira, da que cambia e mellora a vida das persoas), chegar a un consenso nunha serie de asuntos fundamentais e alleos a siglas. Só así, selando un Pacto por Ferrol, a xente crerá que, por fin, aquí hai futuro.