Burla

Eva M. Montero O BAÚL

FERROL CIUDAD

19 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As redes sociais convertéronse nunha poderosa ferramenta de difusión masiva en tempo real de mensaxes de todo tipo. Por tanto, as meteduras de pata tamén se reciben de forma masiva e ipso facto. Isto é o que ocorreu o outro día cun tuit do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, que subía ás redes (el ou quen lle leve os seus perfís) a súa reunión co delegado do Goberno ante a Unesco, Andrés Perelló, para abordar a situación das «dúas candidaturas» a Patrimonio Mundial nas que «traballa Galicia»: Illas Atlánticas e Ribeira Sacra. Dúas candidaturas? E Ferrol? Así nos manifestamos algunhas persoas, indignadas, ante o que consideramos unha forma bastante evidente de ignorar, por enésima vez, á nosa cidade ilustrada, na lista indicativa da Unesco desde 2006. Pero, claro, igual que Twitter non o permite, Facebook si dá a opción de editar (ou sexa, modificar) os textos, polo que pouco despois á mesma publicación de Rodríguez nesta rede social engadíaselle que ás dúas candidaturas «sumábase» a de Ferrol da Ilustración. Súmase? Despois de 18 anos traballando nun expediente, súmase a que? Non será ao revés, señor conselleiro? E, de ser certo, que lle trasladou a Perelló e que acordos tomaron? Por desgraza, creo que non hai resposta porque non se abordou.

Pero o peor é que detrás desta desfeita hai unha nova burla a Ferrol. Unha burla dun goberno local que non avanza -desde logo, non nos prazos comprometidos publicamente- e dunha Xunta de Galicia que ningunea e esquece a candidatura ferrolá e que si bota o resto coas outras dúas. Mentres, seguimos escoitando promesas…