«Agora en Galicia un sacerdote de 65 anos aínda é un cura novo»

Ramón Loureiro Calvo
RAMÓN LOUREIRO FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

ESTEVO BARROS

Ramón Antonio López Rodríguez afirma que seguirá en activo ata a fin dos seus días, axudando en canto lle sexa posible

09 may 2021 . Actualizado a las 18:11 h.

Ramón Antonio López Rodríguez (Ferrol, 1953) foi ordenado sacerdote no ano 1979 polo entón bispo Miguel Anxo Araúxo Iglesias, membro da Real Academia Galega e prelado que deixou un valioso legado de renovación eclesial. O ano que vén, Ramón Antonio cumpre xa 40 anos de sacerdocio. Co cal se dá un certo paradoxo: que aos 65 anos de idade, cando en case calquera outra profesión estaría xa xubilado, no sacerdocio ten aínda unha longa traxectoria por diante, nunha diocese que atende, con 110 curas, 423 parroquias. El agora leva catro desas parroquias, as da unidade pastoral nedense. Son as de San Nicolás de Neda, Santa María de Neda, San Pedro de Anca e Santo André de Viladonelle. Ademais, é membro do Consellero Presbiteral da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, e colabora na atención pastoral aos residentes e á comunidade de relixiosas da residencia de anciáns de San Xosé de Piñeiros

-Hoxe, con sesenta e tantos anos, un sacerdote aínda ten moito que facer...

-Iso é así. Agora en Galicia un sacerdote de 65 anos aínda é un cura novo. E esa é a consecuencia da situación que estamos vivindo, cunha media de idade do clero galego cada día máis alta, e cada vez con menos sacerdotes. Eu exercerei o sacerdocio ata que se me acabe a vida. Como poida, pero axudando no que me sexa posible. Aí está o caso de don Uxío, de don Uxío García Amor, que segue estando totalmente en activo con 90 anos. Supoño que conforme vaia pasando o tempo as responsabilidades que poida asumir eu serán cada vez menores, pero quero botar unha man en todo canto me sexa posible. O sacerdocio é para min unha vocación moi forte. Estou consagrado a el, e iso requiere unha dedicación total.

-¿Sente valorado o seu labor?

-Este momento, para a Igrexa, é un momento difícil. Pero se ti te dedicas á túa comunidade, se estás ao lado da xente como nos di o Papa Francisco, a xente agradéceo, e entón percibes que tes o seu afecto. Eu síntome querido pola xente, e teño que dar as gracias por poder sentirme así

-Longa experiencia a súa, xa, como sacerdote.

-A verdade é que toda unha vida de sacerdocio dá para moito, aprendes a coñecer moi ben ao noso pobo. Vas acumulando experiencia. A min, insisto, gústame moito o trato directo coa xente, a cercanía. Acompañar ás persoas tanto nas alegrías como nas enfermidades. Se un cura se entrega de verdade ao sacerdocio, sempre ten moito que facer.

-A crise de vocacións que padece a Igrexa chegará a superarse?

-Todo se repite na historia. Houbo outros momentos de escaseza no clero, e iso superouse. E creo que se vai volver superar. Estou convencido de que volverá haber vocacións. A Igrexa está asistida polo espírito de Xesús, polo Espírito Santo, que non nos vai deixar sós. E doce apóstolos converteron o mundo. Sempre houbo altos e baixos. A Igrexa perdurará.