«Entre os nosos alumnos non hai un perfil único, senón a maior das diversidades»

La Voz

FERROL CIUDAD

24 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Feli Carballido afronta o seu primeiro curso como directora da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol cunha ilusión evidente, pero tamén cunha preocupación que non oculta. «Nestes últimos días estamos preocupados todos -comenta-, porque a pesar de que empezamos un novo plan de estudos, a Xunta aínda non nos remitiu as instrucións que necesitamos. Nin sequera nos detallaron os contidos que se irán impartindo ao longo do curso. Nin tampouco o que atinxe á avaliación dos exercicios».

-¿Cal é o perfil dos seus alumnos?

-Entre os nosos alumnos non hai un perfil único, senón todo o contrario: a maior das diversidades. Hai desde rapaces da ESO ata persoas que xa puxeron fin á súa traxectoria profesional, pero que desexan seguir aprendendo, que queren seguir formándose. E tamén hai, claro está, moitísima xente que vén á Escola Oficial de Idiomas porque necesita mellorar a súa competencia nun idioma determinado, sobre todo para progresar no seu traballo. Os perfís son tan diversos coma o número dos nosos alumnos.

-Pero haberá algunha característica común entre todos eles, ¿ou non?

-Pois si, mire, hai algo que comparte todo o alumnado da Escola de Idiomas: o seu nivel de motivación, que é altísimo. Son alumnos que veñen ao centro con moitísimas ganas de aprender, e iso é algo que se nota en clase día tras día, e que a nós, como docentes, tamén nos marca un camiño no noso xeito de traballar na aula, porque a túa obriga é estar á altura do que o alumno espera de ti.

-¿O alumnado do seu centro aínda pode seguir aumentando?

-¿Por que non? Todo indica que será así. De feito, agora mesmo xa precisariamos máis profesorado. Pero non no lo conceden...