Siro: «Dóeme moito que se diga que a Transición foi unha fraude»

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

FERROL CIUDAD

MARCOS MIGUEZ

O debuxante abre hoxe na Coruña a exposición «O camiño á Constitución», selección de 117 viñetas dunha serie que publicou en La Voz de Galicia

20 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Dóeme moito que se diga que a transición foi unha fraude», confesa o debuxante Siro López (Ferrol, 1943), que sinala que aquilo foi moi difícil para moita xente. «Despois das cousas que pasaron», insiste o artista que inaugura hoxe (ás 19.30 horas) na Coruña O camiño á Constitución nas caricaturas de Siro, exposición na que recolle a súa particular visión dalgúns dos episodios máis destacables da Transición española, dende a morte do ditador Franco ata a vitoria do PSOE nas eleccións xerais de 1982. O viñetista cre que quen denigra a Transición denigra a Constitución, que, di, «con todas as súas eivas, é un texto que hai que conmemorar, unha cousa boa, que celebrar, como todas as constitucións que tivo España, coa vantaxe de que, por primeira vez, propiciouse un longo período de convivencia pacífica no país, como o profesor Justo Beramendi anota no prólogo do catálogo da mostra» (o volume inclúe outra peza de Fernando Ónega).

Siro asume que haxa opinións contrarias sobre a Constitución e que esta teña defectos, «e ata que se reforme se hai que reformala», pero non acepta que se diga que foi unha fraude histórica froito duns actores que baixaron as mans, que se conformaron con pouco, cun proxecto de baixa intensidade, que se puido facer máis, como reproban algúns partidos políticos. «Isto é un erro de base», subliña.

A Transición española fíxose desde dentro porque desde fóra era imposible, sostén. «Sorte que o rei Xoán Carlos confiara en Suárez e en Torcuato Fernández Miranda. Torcuato era un lince. E Suárez de política non sabía moito, pero a chulo non lle gañaba ninguén, e namorouse do papel histórico que lle correspondeu», lembra Siro, quen enxalza a figura dun Suárez que, di, «en canto puido empezou a facer unha Transición de verdade». E deparou outra sorpresa, proclama con chanza: «Ninguén contaba con que fose un socialdemócrata». Foron ademais, engade, uns políticos honestos, uns idealistas dos que ninguén daquela daría en pensar que podían ser corruptos, que andaban na procura de enriquecerse: «Suárez, despois de dúas lexislaturas, non puido pagar o chalé. E Leopoldo Calvo-Sotelo solicitou o reingreso no banco Urquijo, pero non como executivo, nin moito menos, conformábase con dirixir unha sucursal». Por non falar da Unión Militar Democrática (UMD) e de xente valente como o coronel pontevedrés Xosé Fortes, «catro gatos aos que ninguén botou unha man». Non se soubo valorar entón as súas achegas na xusta medida, lamenta, e agora imperan a ignorancia e o silencio, cando non a crítica sen fundamento. Que facer? Pedagoxía? Siro non ten un diagnóstico, pero cre que hai que facer un esforzo en educación para que os rapaces coñezan a historia recente do país, sen ideoloxizar, que polo menos lles dea un marco mental de referencia. «É que saben máis da Reconquista que da Guerra Civil e da Transición», deplora.

Disposta na sala municipal Salvador de Madariaga (na rúa Durán Loriga), a exposición é unha das iniciativas da Deputación da Coruña para festexar o 40.º aniversario da aprobación da Constitución. O relato articúlase en 117 debuxos -reproducidos en formato A3 e que se acompañan de textos explicativos que son obra do mesmo autor- que son unha selección dos máis de douscentos que compoñían a serie de viñetas, que Siro publicara en La Voz de Galicia, baixo o título A transición en imaxes. A produción da mostra manexa unha versión máis curta integrada por 68 viñetas e pensada para cando -na xira que emprenderá por varias vilas galegas ata febreiro do 2019, e que rematará en Ferrol- as salas sexan máis pequenas.