Xaquín Marín: «Neste tempo que estamos vivindo, o humor é cada vez máis necesario»

r. loureiro REDACCIÓN / LA VOZ

FERROL CIUDAD

ANGEL MANSO

«Esta é unha época sen valores e sen rumbo, unha auténtica loucura», lamenta o debuxante

15 sep 2018 . Actualizado a las 18:00 h.

Todo é moi subxectivo, claro. Pero dá a impresión de que Xaquín Marín (Ferrol, 1943), unha auténtica institución no mundo da cultura galega -e non só da galega, todo sexa dito de paso; sen ir máis lonxe, abonda con reparar na admiración que esperta, e no afecto que lle teñen, no veciño Portugal- contempla hoxe o mundo cun certo desencanto. Aos seus 74 anos, e aínda estando inmerso nunha etapa de intensa creatividade na que as exposicións e as publicacións axudan a contemplar a súa obra desde unha perspectiva nova e aínda se diría que máis ampla, a Xaquín parece pesarlle, máis que nunca, a realidade. Pero non a realidade da súa propia obra -¿quen pode dubidar, a estas alturas, de que xa é, en vida, un verdadeiro clásico...?-, senón a dos días: a deste tempo, pouco dado a alegrías, que nos tocou vivir.

-Supoño que ás veces a tristeza é inevitable...

-Por suposto que si: a tristeza, a miúdo, é inevitable. Pero eu, incluso vendo o que pasa, non me vou deixar vencer por ela. E sigo camiñando e debuxando. Non estou triste, aínda que en ocasións poida parecer o contrario.

-¿Imaxinaba que o mundo de hoxe sería o que é?

-Non, a verdade é que non. Nunha cheguei a imaxinar que a estas alturas da vida, e despois de todo canto levamos andado, habitaríamos un tempo sen valores. Ata os principios máis elementais parecen estar en crise. Non hai máis que fixarse no que pasa estes días cos másteres e con todos os falsos títulos académicos dos políticos. Que hoxe os políticos sexan capaces, incluso, de inventarse os títulos académicos que poñen no seu curriculum, dá bastante que pensar.

-¿O que si está vostede, entón, é un tanto decepcionado?

-Si, eso si, Decepcionado si que estou, porque confiaba en que o mundo fose indo a mellor, pero o que pasou foi todo o contrario. Esta é unha época sen valores e sen rumbo, na que parece que se está perdendo ata a decencia. Unha loucura. As cousas que pasan non deixan de soprenderme.

-¿E queda algún lugar para o humor, nun tempo así?

-¡Si, si, si...! De feito, neste tempo que estamos vivindo, o humor é cada vez máis necesario. Porque o humor é algo moi importante fronte á adversidade.

-De cara ao futuro, ¿cal é o seu maior proxecto?

-¿Para o futuro.? Mira, coa idade que teño, o meu futuro é mañá. Pero o meu maior proxecto non variou, e segue en marcha: quero seguir debuxando sen parar.

-Agora é vostede avó, por certo. E estou seguro de que debe de ser un avó fantástico.

-Pois non sei que clase de avó serei eu, pero o que si che dicir é que son feliz séndoo. Ser avó é unha cousa marabillosa.

-¿Cambioulle moito a vida o seu neto?

-Non, a verdade é que non ma cambiou. A miña vida segue sendo a que era antes. Pero el está aí, e o feito de que o neno estea aí xa é, para min, extraordinario.»