«Carballo Calero terá un Día das Letras cando os odios desaparezan»

FERROL CIUDAD

CESAR TOIMIL

Firme defensora da cultura galega, a profesora e investigadora Laura Tato lamenta a falta do apoio á lingua e ao mundo do libro

09 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A día de hoxe, a profesora Laura Tato (Vigo, 1951) é unha figura fundamental no que atinxe aos estudos literarios -e non só literarios- galegos. Afincada en Ferrol desde os anos setenta, desenvolve un intensísimo labor no eido uiversitario, e posúe, ademais, unha lúcida visión do camiño que a cidade vén seguindo en todos os ámbitos, e moi especialmente no da cultura, durante as últimas décadas.

-Hai anos, vostede dicía sempre que o galego é unha lingua resistente. E dicíallelo tamén en clase, aos seus alumnos, cunha fe infinita no futuro da lingua. Unha fe allea a toda clase de catastrofismo. ¿Segue pensando, hoxe, o mesmo...?

-Por suposto que si. Eu sigo diciendo que o galego é unha lingua resistente, e que niso reside unha das súas grandes fortalezas. Pero tamén digo que o futuro da lingua depende moito de quen goberne Galicia e do que vaia facer nese ámbito. E cando temos un goberno galego como temos hoxe, que nin sequera fai que se manden libros ás bibliotecas, pois ¿que se pode dicir? A lingua galega é resistente, si, pero tamén necesita apoio, que se traballe por ela decididamente.

-¿Cando haberá un Día das Letras para Ricardo Carballo Calero?

-Pois verás: eu penso que Ricardo Carballo Calero terá por fin un Día das Letras Galegas cando os odios que, por desgraza, seguen moi vixentes, desaparezan.

-¿A que se refire, exactamente?

-Mira, é un asunto tan triste, é unha inxustiza tan grande a que se está a cometer con Ricardo Carballo Calero, que a verdade é que nin me apetece demasiado falar diso...

-Pois desculpe que insista. Pero insisto.

-Carballo, como ben sabes, foi vítima, e segue sendo vítima, de ter optado, ortográfica e morfoloxicamente, polas solucións que lle pareceron mellor para o futuro do galego. Había que definir os criterios filolóxicos, e el entendeu que o galego culto tiña que mirar cara ao portugués, que era onde residía unha gran tradición medieval, e non parecerse cada vez máis ao castelán. E iso non só non se lle perdoa, senón que segue sendo odiado por iso. É terrible, terrible. Deixémolo aí.

-Vostede é unha gran experta na figura de Xaime Quintanilla Martínez, o médico, editor, político e intelectual ferrolán asasinado polos sublevados en agosto de 1936...

-Galicia continúa estando en débeda coa figura de Xaime Quintanilla Martínez. Nunca me cansarei de dicilo. Apoiou o Estatuto de Atonomía, abriulle á literatura galega os camiños da modernidade, defendeu a nosa cultura. Hai que reivindicar o seu legado dun xeito decidido. Foi un exemplo.

-Tamén traballou vostede moito sobre a historia do Real Coro Toxos e Froles.

-Así é. E sempre me gusta subliñar que o Toxos xogou un papel central na cultura galega. Fixo un labor transcendental.