Meninas, 10

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL CIUDAD

31 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dez anos soe ser un período de tempo suficiente para comprobar o acerto ou erro das iniciativas humanas. Algúns proxectos nacen da euforia por algún acontecer, outros da emulación -o mimetismo, tan humano- e non poucos da rebeldía ante situacións adversas; segundo contan as crónicas desta década, a celebración cidadá coñecida hoxe como As meninas de Canido, ven da ousadía do pintor e veciño do barrio Eduardo Hermida de protestar contra o deterioro urbanístico co poder da arte. O arranque, unha primeira pintura, inspirada nas figuras femininas do fascinante cadro de Velázquez, chantada nun cascado muro fronteiro do seu estudio, coma un berro ético e estético ante o deterioro do barrio, sempre orgulloso da súa identidade, mais impotente para compor as cicatrices das vellas casas. As persoas pasan, as vivendas que as acolleron fican, testemuñas mudas, incapaces de contar os sacrificios feitos para erguelas e mantelas, para habitalas. As rúas e os barrios que as acubillan, teñen o reto de renovarse cando o tempo pasa, cando as necesidades cambian. Hai cidades onde administracións e políticas audaces reinventaron barrios (Bilbao, Pontevedra, Düseldorf ou Londres son casos a citar, con aspectos discutibles sempre). En Canido, Ferrol, a iniciativa cidadá está a ser motor e provocación, para reclamar e demostrar que outro barrio, outra cidade é posible. Ignoro as rehabilitacións promovidas e a veciñanza gañada, mais hoxe moitos visitantes «baixan a Ferrol, como os veciños de Canido fixeron sempre, tras visitar As Meninas. Nun mundo onde a uniformidade das súas cidades é progresivamente maior, iniciativas como esta reparten ledicia e riqueza colectiva. Opa Canido!