«A xente marcha de Ferrol Vello porque non lle deixan outra saída»

Conta que «ao Socorro traen a bautizar nenos que son netos dos que se tiveron que ir»


Ferrol

Xosé Francisco Delgado (Ferrol, 1956) é o párroco do Socorro, en Ferrol Vello, responsabilidade que compaxina coa capelanía do Hospital Naval e coa atención a outra parroquia máis, que é a de Dolores, onde o templo está pechado á espera de que se acometa a súa restauración. Sacerdote especialmente comprometido co labor social, naceu en Esteiro, na rúa San Fernando, como lle gusta lembrar. «Son do mesmo ano -di el, sempre co seu sentido do humor a flor de pel- que Miguel Bosé, a Pantoja e Mel Gibson. Todo artistas, pero eu son unha excepción, e ademais non de primeira división, senón da categoría dos modestos».

-¿Que é hoxe Ferrol Vello?

-Ferrol Vello é un barrio decaído. Nada máis chegar os turistas dos cruceiros, moitos deles preguntan cando foi o incendio. Está cheo de casas caídas, e fronte a todo isto só hai plans teóricos para rehabilitar, non verdadeiras solucións. Ferrol Vello perdeu nunhas décadas o 90 % da súa poboación. Nos anos setenta, cando empezou o declive, era un barrio moi habitado. O curioso, e ademais moi fermoso, é que ao Socorro traen a bautizar nenos que son netos dos que tiveron que deixar Ferrol Vello, dos que se tiveron que ir. Hoxe a situación do barrio é terrible, non hai apenas autobuses, por non haber non hai nin un supermercado. E a maioría das casas habitadas seguen estando en moi malas condicións.

-¿Cal sería a solución?

-A solución pasaría por deixar rehabilitar o barrio sen poñer trabas excesivas. Ferrol Vello non é o centro de Santiago de Compostela, nin o centro de Pontevedra. ¿Como vai vivir a xente maior nun cuarto piso sen ascensor? Iso é imposible. A xente marcha porque non lle deixan outra saída, porque a están abocando a vivir nunha situación imposible. E a pesar de todo, moita xente da que marchou aínda segue dicindo iso tan bonito de «soy del Muelle de toda la vida». A parroquia do Socorro segue sendo para eles o nexo de unión co seu pasado, o sinal de pertenza, un auténtico rasgo identitario.

-Ferrol Vello, onde estivo de visita pastoral Fray Antonio de Guevara, o escritor ao que Cervantes cita no prólogo do Quixote, tivo entre os seus párrocos a Bernardo García Cendán, a Cuco Ruiz de Cortázar, a Alfonso Gil...

-Si, e cada un deles deixou, ademais dun gran recordo, a súa valiosísima pegada. Por iso os seus legados seguen moi vivos. De Bernardo queda, por exemplo, o estilo na liturxia, moi presente en aspectos coma o dos cantos. De Alfonso, que agora está en Cáritas e na zona de Santa Mariña, San Pablo e San Xoán, queda a súa cercanía á xente. E de Cuco queda, sobre todo, a súa aura, a súa identificación co barrio.

-¿Que é hoxe a procesión do Cristo dos Navegantes?

-A procesión do Cristo dos Navegantes é unha procesión popular, un verdadeiro reencontro para todos. Alí colle todo o mundo, en auténtica irmandade.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

«A xente marcha de Ferrol Vello porque non lle deixan outra saída»