Antón Cortizas: «O importante é o que nos fai mellores persoas»

FERROL CIUDAD

JOSÉ PARDO

Sempre comprometido coa educación, o escritor ferrolán vén de rematar un novo libro, que verá á luz nos próximos meses

09 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Antón Cortizas (Ferrol, 1954) non só é un dos grandes nomes da literatura infantil en lingua galega. É, ao mesmo tempo, un home especialmente comprometido con todo canto está relacionado co campo da educación. Aínda que xa está xubilado como mestre, o mundo do ensino continúa a ser para el unha preocupación constante, que o leva a seguir investigando sen pausa sobre todo canto pode ter una repercusión positiva na docencia. «Fun mestre, e de feito penso que e o vou seguir sendo sempre -di Antón-, porque, por riba de calquera outra cousa, eu penso que ensino ten que ser unha vocación». Neste momento está a piques de saír á luz un novo libro seu. Mentres, non para nin de ler, nin de escribir nin de investigar. É infatigable. Incluso fai mobles, de vez en cando, porque as súas paixóns non rematan nas fronteiras da letra impresa. «Gústame moito traballar coas mans -subliña Cortizas-. Sempre me gustou».

-O caso é que, aínda xubilado e todo, non para vostede nin un minuto...

-Pero é que creo que a vida é iso. Facer cousas. Moitas cousas. Desde facer un moble ata estudar.

-E, por suposto, escribir.

-E escribir, por suposto, claro que si. Aínda que a min coa escritura pásame unha cousa moi curiosa...

-¿Que cousa?

-Que xeralmente non son moito de botarme a escribir, sen máis. Teño que poñerme metas. Por exemplo, cando comecei a escribir dicíame a min mesmo: «a ver, agora está convocado este certame, ao que me quero presentar, e teño de prazo ata tal día de tal mes; e comezaba o libro con ese horizonte, que xa estaba fixado no tempo; e agora ocórreme algo un pouco parecido: cando empezo un proxecto, primeiro teño que ver qué quero facer exactamente, e cómo, e despois e cando me poño con el.

-¿Bota de menos o ensino?

-Eu non diría que boto de menos o ensino, porque o certo é que me sigo considerando un ensinante. Sigo aí. Esa foi a miña vocación, foi o camiño que elixín na vida, e dese camiño non me desviei. Pero o que si boto de menos é a rapazada. Para min, encontrarme pola rúa con antigos alumnos meus, e que me falen e me conten cómo lles vai e qué é o que están facendo agora, é unha gran felicidade.

-Para vostede nunca foi difícil traballar cos alumnos.

-Nunca. Xamais. É que, mira, para ensinar tes que ter moi claro que é o que estás facendo. As cousas nunca pasan porque si. Se a ti un rapaz se che comporta mal en clase, o primeiro que tes que pensar é que se un alumno ten un compartamento dese tipo é porque na súa vida hai algo que o leva a comportarse así. Os nenos nunca son culpables, porque eles non elixen a súa vida. Teñen a vida que lles damos os adultos. Non son responsables das súas circunstancias. Os rapaces reproducen o que acontece arredor deles. Non hai nenos malos, iso non existe. E precisamente por iso a responsabilidade é sempre nosa. Se te dedicas ao ensino, unha das túas obrigas é facer canto estea na túa man para lograr que o mundo dos rapaces sexa un mundo mellor. Porque, no fon, o importante, o verdadeiramente importante, é o que nos fai mellores persoas. E moitas veces non é tan importante o que sabes, como que de verdade saibas contalo.

-Vostede é un namorado do libro como obxecto, do libro de tinta e de papel. ¿Que opina do auxe das novas tecnoloxías?

-Evidentemente, as novas tecnoloxías son unha ferramenta utilísima. Ofrecen mil posibilidades. Pero, ¡ollo!, deberiamos recordar que só son iso: ferramentas. Non outra cousa. Non podemos estar todo o día pegados a unha pantalla. A vida non está aí. Eu penso que a nosa sociedade xa está sendo demasiado dependente das pantallas, e iso vai traer problemas graves. Iso xa está aí. Parece que hai xente que non se dá conta de que se apagas o móbil non ocorre absolutamente nada. E iso é algo que me preocupa moito máis, aínda, se falamos dos nenos e da relación que na súa maioría teñen cos seus teléfonos.

-¿Está todo dito en materia de educación?

-¡Non, non...! Por suposto que non. Nin moitísimo menos. A educación ten que estar evolucionando sen parar. E sempre haberá cousas novas. Pero insisto: o obxectivo ten que ser sempre que melloremos como persoas.