O Pórtico da Gloria

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL CIUDAD

04 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Quero pensar que somos moitos os que celebramos a restauración. Tamén me fago ilusións de que a visión actual é coma recuperar un cachiño da Gloria.

Apareceron parte das cores celestiais. As que se aprecian nun cadro de Villamil, o pintor romántico, nado en Ferrol. Esas cores medio se perderan cando os ingleses viñeron facer un molde de escaiola.

Querían unha copia para o seu museo imperial Victoria and Albert. É verdade que nos quentaron as orellas coas excelencias do Pórtico dos peregrinos. Mesmo o compararon coa Capela Sixtina.

Pero ese entusiasmo, como moitos amores, era posesivo e rematou por estragar o que tanto amaban. Sería interesante contar esta historia da copia inglesa do Pórtico.

Sir Charles Robinson, conservador do Museo, foi o da idea. E o «copista», técnico en moldes de escaiola, foi o italiano Doménico Branccioni. Descoñezo se pagaron algo ao arcebispado ou foi un acto diplomático «gratis et amore».

Por mor da restauración do Pórtico (mecenado da Fundación Barrié) comprobouse o mal estado de toda a catedral. Outras catedrais, coma a de Paris, teñen unha equipa permanente de arquitectos e técnicos para a conservación.

Os ingresos por turismo que tiramos da catedral son inmensos. Un petisco de monxa dos ingresos debería ir para a súa restauración. É un «tesouro». ¿Non si?. Xelmírez no século XII xa daquela se laiaba da cutrería dos «burgueses».

Non tiñan visión cosmopolita de Compostela. Espero que coas cores recuperadas nos veña a todos o sentidiño.