Pedro Castro: «En San Andrés de Teixido seguen vivas as orixes de nosa cultura»

r. loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Ramón Loureiro

«O mundo dos mitos é hoxe, para min, a principal fonte de inspiración», di o artista

26 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pedro Castro, Perico (Ferrol, 1948), reivindica sempre as súas orixes: «Nacín na rúa da Igrexa, e aínda que despois marchei, e ao longo da miña vida vivín en moitos lugares distintos, eu sigo sendo, esencialmente, ferrolán». Na actualidade reside na Coruña, pero sempre leva moi dentro de si as paisaxes da súa infancia. Pensa que un artista nunca debe de perder de vista a importancia de manter unha comunicación fluída co seu público. E quere que a súa obra sexa unha espello no que se reflicta a súa particular visión do universo. «Como creador, penso que vou camiñando cara ao que para min son as nosas raíces», di Pedro.

-E agora dirixe a súa mirada a Santo Andrés de Teixido: a Santo André de Lonxe, Cabo do Mundo.

-Así é. Cousa que, a súa vez, se enmarca nun proxecto máis amplo, do que forma parte tamén o cartel de cego sobre Don Gaiferos. Interésame buscar unha maneira de expresarme como artista que chegue a moita xente, a todo tipo de público. Por iso digo que me estou mergullando no que, dalgún xeito, son as raíces do noso cómic. Elaborar un cartel de cego sobre San Andrés de Teixido, debuxar ese lugar cheo de maxias, é, ou cando menos así mo parece a min, un xeito de establecer un diálogo, desde o noso século, entre o máis fondo das raíces, da esencia de Galicia, e a creación contemporánea. Alí, en Teixido, seguen vivas as orixes da nosa cultura

-¿A que se refire, exactamente?

-Eu penso que a nosa cultura é filla do desexo de peregrinar á fin do mundo, ao lugar onde se deita o sol. E iso é algo que non só é evidente no caso de San Andrés de Teixido, penso eu. ¿Non pasa igual con Santiago de Compostela? ¿Sabes que é o que eu vexo aí?

-Cónteme.

-O afán de transcender, de ir máis alá. Iso é algo que habita desde hai moitos séculos no corazón dos galegos, algo que lle dá forma ao noso corazón.

-Tanto Compostela como Teixido, loxicamente cada un deles nunha escala ben distinta, son santuarios que, lonxe de decaer, atraen un número cada vez maior de peregrinos.

-Así é, pero creo que non debemos perder a pepspectiva sobre o que fai posible todo iso.

-¿A que se refire?

-A que hoxe son santuarios cristiáns, pero inicialmente foron outra cousa ben distinta. E non podemos esquecer iso porque, como antes dicía, temos que afondar nas nosas raíces. Comparándoo, no tempo, coa verdadeira historia de Galicia, o Cristianismo e a súa chegada ao noso país son fenómenos relativamente recentes. Os camiños xa estaban aí. Non é casualidade, por exemplo, que Teixido se alce ce nunha terra moi rica en xacementos prehistóricos. A emoción que eses lugares despertan entre nós veñen de moito máis atrás.

-E vostede, ¿que sente ao volver a Teixido?

-Algo que non se pode expresar con palabras. Por iso deixo que a arte fale por min.