«Alguén merecería un tirón de orellas pola derruba de Hispania»

FERROL CIUDAD

Alexxander

O catedrático da USC Xoán Carmona fala hoxe sobre o patrimonio industrial de Galicia no ciclo de conferencias da Cátedra Jorge Juan

26 jun 2018 . Actualizado a las 12:24 h.

Hoxe • Exponav • 19.30 horas • gratis •

O ciclo de conferencias da Cátedra Jorge Juan despídese hoxe do curso ata o próximo mes de setembro cunha charla a cargo dun dos mellores coñecedores do patrimonio industrial de Galicia, Xoán Carmona Badía, catedrático de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ás 19.30 horas, na sala Carlos III de Exponav, imparte a conferencia O patrimonio industrial en Galicia. Situación e perspectivas.

-Pode presumir a nosa comunidade autónoma de patrimonio industrial?

-Tal vez Galicia non teña tanto patrimonio industrial en cantidade como Inglaterra, Alemaña ou Cataluña, pero si que hai moitos elementos interesantes. Ademais, o patrimonio industrial galego é singular, porque está moi vencellado ao mundo marítimo, aínda que tamén destaca noutros ámbitos, como nos dos curtidos. Polo tanto, si que temos patrimonio industrial... Pero que ocorre? Pois que ata o de agora non lle fixemos moito caso.

-Neste eido está entón todo por facer?

-Todo non, pero é moito máis o que queda por facer que o que xa está feito. Non hai apenas construccións do noso patrimonio industrial que estén protexidos ou catalogados como bens de interese cultural (BIC), nin tampouco contamos cun inventario de todos os elementos que forman parte deste patrimonio, dos que por certo moitos están ameazados. Por iso penso que hai que loitar por este tipo de bens, sobre todo en lugares como Vigo ou Ferrol, que son dúas cidades cunha imaxe de marca industrial moi forte, que hai que manter e reivindicar.

-O Ferrol da Ilustración, co seu Arsenal como gran tesouro, opta á declaración de Patrimonio Mundial. Pensa que a cidade merece a distinción?

-Por suposto que a merece e estou disposto a apoiar a candidatura onde faga falla. O Arsenal é un recinto espectacular e proba diso é que está incluído na lista dos cen elementos de patrimonio industrial máis importantes de España do Comité Internacional para a Conservación do Patrimonio Industrial (TICCIH). Ademais, sempre se tivo moito coidado na súa conservación, ao contrario do que ocorreu coa Fábrica de Lapis Hispania. Alguén merecería un tirón de orellas pola súa derruba. Tirouse abaixo porque o constructor tiña moitísima urxencia en edificar, pero o certo é que non se fixo nada e agora alí hai un solar baleiro e cheo de lixo. Con todo, ninguén esixiu responsabilidades nin ao constructor nin ao Concello, entón en mans do PP, e Patrimonio non fixo nada por velar pola súa conservación.

-Moitos dos edificios industriais terminan convertidos en museos. Pensa que é unha boa opción ou é necesario explorar outros usos?

-Non se poden facer museos en cada esquina. Algúns edificios poden converterse en museos, certamente, pero hai que buscar outros usos e solucións orixinais. Por exemplo, en Galicia sempre estamos facendo novos polígonos industriais cando moitas veces non son necesarios, porque bastaría con recuperar e reutilizar aqueles edificios industriais que están abandonados ou infrautilizados. Deste xeito, liberaríase moito espazo industrial e aforraríamos en polígonos.