Risco de resurrección

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL CIUDAD

20 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Contábanos o P. Carrascal S.J., misioneiro en China, que por alí, e mira que China é grande e poboada, non se daban aparicións da Virxe. É como se a Virxe estivera especializada en España e lugares así, nos que se fala moito dela. Un Visitador da Inquisición fora enviado a Navarra, cando a epidemia de bruxería do século XVII. A conclusión do Visitador foi demoledora: «Hay mucho de aquello que se habla mucho».

E recomendou prohibir falar de Bruxas nos sermóns. «Porque en no hablando de ellas, éstas dejan de existir». Ferrol, onde naceu Franco, non é sitio moi dado a falar del. Non hai obsesión. Mesmo cando o do trasego do monumento, aquela estatua era designada como «o cabalo». Dun tempo a esta parte, desculpando a súa cara, escoitamos citar abondo a Franco e o franquismo. E agora temos entrado nun éxtase de proclamación. Con división de opinións, por suposto. «Uns do seu pai e outros da súa nai». Pois ben, eu, como recomendaba o Visitador, non falaría tanto del e menos remexería nos seus ósos. ¿E se lle dá por resucitar en firme? Os cregos daquela eran moi pesados co tema do sexo. Non había oficialmente outro pecado. Até entraban no deseño dos vestidos das mulleres. Os traxes de baño, capítulo aparte. Canto más predicaban máis tentacións. Aquilo converteuse en obsesión colectiva.

Pois co asunto de Franco pode pasar igual. Eu probaría outro sistema, que confeso humildemente non sei cal podería ser. Simplemente aviso do risco de resurrección.