O Ferrándiz entre libro e libro

Siro
Siro FERROL

FERROL CIUDAD

Siro

28 may 2018 . Actualizado a las 11:57 h.

O azar quixo que nun período de quince días dúas editorias publicasen dous libros meus, polo que levo todo o mes de presentación en presentación. As últimas, o pasado mércores, na Coruña, do titulado Falemos de caricatura, de Edicións Xerais, e o xoves, no Ateneo Ferrolán, do ensaio Castelao na arte europea, ao que dediquei trinta anos de estudo e reflexión, e que ten para min o aliciente de ser o primeiro que publica a editorial ferrolana Garañón.

Que no Ferrol abafado pola crise da construción naval, en tempos en que a imaxe se impón á escrita en sectores, cada día máis amplos da poboación, cando desapareceron as axudas institucionais, haxa dúas editoriais -Embora, nada en 1993, e Garañón, de recente creación- é un feito insólito, que non se deu nin sequera hai corenta e cincoenta anos, cando Ferrol era a cidade máis culta de Galicia e os obreiros de Bazán trataban a actualidade co coñecemento e o rigor de profesores universitarios.

Moito tiveran que ver naquela formación as Escolas de Aprendices, con excelente profesorado, en gran parte formado por maquinistas da Armada, expulsados despois da Guerra Civil e admitidos en Bazán como axudantes de enxeñeiros, e por deliñantes e administrativos con vocación docente; pero tamén foron importantísimos homes como Julio Aneiros e Paco Filgueira, artífices da Biblioteca ambulante, que ía polos centros de traballo para darnos a coñecer a obra dos autores malditos polo Réxime. Aquelas primeiras lecturas actuaban en nós como estimulantes do apetito intelectual e sentiamos fame insaciable de saber; de aí que na Transición o Ateneo de Ferrol e outras entidades culturais dos arredores se ateigasen de público cada vez que arranxaban unha conferencia ou un recital.

 

Uxío Novoneira

Nunca esquecerei a emoción colectiva que Uxío Novoneira creou nun recital no Círculo de Perlío, ao quedar sen fala cando se dispuña a ler o poema dedicado a Amador Rey e Daniel Niebla. O salón tiña cabida para duascentas persoas, pero había trescentas e mentres Uxío ficou sen voz, o silenzo foi absoluto. Despois, cando por fin puido dicir os versos, a tensión estoupou nunha ovación que se prolongou tanto coma o silenzo do poeta.

Eu din a primeira conferencia na Sociedade Ferrándiz, no ano 1971. Tituleina O humor en Galicia e falei do humor popular que se expresa en refráns, cantigas epigramas e contos; tratei da retranca como peculiaridade do humor galego, e dediquei os últimos minutos ao Castelao creador das Cousas e Retrincos no humor literario e das Cousas da vida no humor gráfico.

Unha disertación inofensiva que, ilustrada con numerosos exemplos divertidos, provocou as risas do público que enchía totalmente o local da rúa Carlos III. Como todos os demais ría un oficial da Policía Armada, uniformado, que ocupaba unha silla na primeira fila, mentres o jeep que o trouxera agardaba na porta, custodiado por dous números. Días despois aquel oficial comentoulle a Carlos Perille o ben que o pasara escoitándome. Era, sen dúbida, home de bo humor; pero o destino quixo que o 10 de marzo do ano seguinte mandase as tropas que se enfrontaron nas Pías aos traballadores de Bazán en folga. Quizais nunca volveu rir. Falo con nostalxia daqueles anos ilusionados e non entendo como puidemos permitir que a democracia, tan difícilmente conseguida, fose corrompéndose ata causarnos este desencanto. A nostalxia levarame de novo a Ferrol, a Caranza, ao local do Ferrándiz, este sábado 26, ás doce da mañá, para revivir a miña infancia, cando Balado, Vergara, García, Bolitas… eran para min como Mesi e Cristiano Ronaldo para os nenos de hoxe. Entre dous libros con pretensións de futuro, dedicar unha hora á nostalxia no Ferrándiz paréceme gran idea.