Mario Valdivieso: «Os ríos axudaron a que Galicia avanzase a través da historia»

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Estevo Barros

«Gracias ao Belelle, Ferrol tivo a súa primeira traída de agua», lembra o investigador

20 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Mario Valdivieso (Monforte de Lemos, 1934), maquinista naval, navegou durante anos en diferentes buques, entre eles o petroleiro Guernica, do que foi xefe de máquinas, e posteriormente ingresou en Bazán. No estaleiro traballou nos departamentos de Carenas e Reparacións. Pero, máis alá do ámbito profesional, sempre tivo un intenso afán investigador, que o levou a traballar en ámbitos moi diversos, desde a historia local ata o patrimonio industrial, con especial atención a cuestións que van desde a produción de papel ata o aproveitamento de cauces de auga coma o do río Belelle para a produción de electricidade. E ademais, aínda que xa non ten colmeas, di que segue sentíndose, esencialmente, «un apicultor».

-O río Belelle é todo un mundo, en si mesmo...

-Todos os ríos son todo un mundo. Coma calquera cousa que empezas a estudar e a coñecer en detalle. Na medida en que vas coñecendo algo, vai medrando tamén o afecto que sentes por iso. E no caso do Belelle, eu levo moitos anos investigando. O que fai especialmente singular ao Belelle, ademais da historia das súas xentes, é que se trata dun río do que naceron desde unha fábrica de tecidos no XIX, que foi o chamado Pazo de Isabel II, ata a fábrica de electricidade que se fundou a comezos do século XX e que segue funcionando ao pé da Fervenza, pasando por máis dunha fábrica de papel, como foi a de Taxonera, e por suposto moitos muíños. E non podemos esquecer, tampouco, que gracias ao Belelle Ferrol tivo a súa primeira traída de augas, que se rematou de construír nos anos vinte do pasado século.

-É curioso que un río, de curso relativamente tan curto, determinase tanto a vida da súa comarca.

-O Belelle nace no lugar de Pico Vello, ao pé do monte Fontardión, na parroquia de San Martiño de Goente. Non deixa de ser rechamante que un río que nacía na Capela, agora naza nas Pontes, pero iso ten unha explicación: o cambio dos límites municipais. O municipio da Capela tiña antes dez parroquias, e agora ten tres. As outras sete pasaron ao municipio das Pontes.

-Moitos muíños do Belelle, que empezaron moendo gran, acabaron producindo luz.

-Así era. Moitos muíños, sen deixar de moer o gran, no Belelle coma noutros ríos, foron utilizados tamén polos seus propietarios, a comezos do século pasado, para producir electricidade no ámbito doméstico.

-Galicia non sería a mesma sen os seus ríos.

-Os mil ríos dos que fala a literatura axudaron a que Galicia avanzase a través da historia. O noso país e a súa economía débenlle moito históricamente á agua, e iso é algo que xamais se pode esquecer. Coñecer os nosos ríos tennos que levar a coñecer tamén as súas xentes. Xentes que en moitos casos, fronte a todas as dificultades, souberon facer cousas extraordinarias.