O primeiro paso para a recuperación da ría

Joám Luís Ferreiro

FERROL CIUDAD

13 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Partindo de que a ría de Ferrol non vai ser posíbel recuperala nin ao seu estado orixinario, nin sequera á situación de hai un século. Hai apenas dez meses da entrada en funcionamento da EDAR norte, o estado da ría mellorou moito respecto á calidade da auga. Hoxe percíbese especialmente na transparencia, antes desaparecida, e na redución do cheiro. No que respecta ao marisqueo, desde finais de novembro de 2017 desapareceu a clasificación C para o banco das Pías, o que permite a venda de marisco en fresco sen ter que pasar pola batea de reinstalación. Mais, isto podemos consideralo positivo se o tomamos como comezo, non como obxectivo conseguido.

O primeiro paso imprescindíbel para a recuperación da ría é por suposto a depuración, mais non a unitaria (pluviais e fecais xuntas) sería necesaria a separativa (fecais e pluviais separadas), non só por aforro de custos, senón tamén pola necesidade da chegada de auga de chuvia á ría.

Hai que comezar a pensar en modificar os recheos que hoxe cortan a ría, tales como a avenida das Pías, a ponte do tren, o porto carboeiro e as pedras de Caranza (porto exterior aparte). Se non se modifican para permitir a circulación libre da auga do mar, estaremos renunciando de feito a unha importante parte da ría.

Hoxe gran parte da ría está sepultada baixo toneladas de fango, incluídos os mellores bancos marisqueiros. Polo que, ou acometemos a súa dragaxe, ou renunciamos a elas para sempre.

Un paso positivo, mais se queremos unha ría realmente limpa, viva e produtiva, queda moito camiño por diante.

*Joám Luís Ferreiro é o biólogo da confraría de Barallobre.