«O Toxos sempre tivo e terá as súas portas abertas para todo o mundo»

FERROL CIUDAD

JOSE PARDO

Ana Caeiro, vencellada ao Real Coro desde os tres anos de idade, reivindica os principios da institución

13 may 2018 . Actualizado a las 22:36 h.

Ana Caeiro (Ferrol, 1975) é hoxe unha das columnas que sustentan o Real Coro Toxos e Froles, ao que pertence desde que tiña tres anos de idade. Canta no propio coro, é integrante da banda de gaitas, da clases nas escolas do Toxos e, ademais, forma parte da xunta directiva. E afirma que a día de hoxe, con máis dun século de historia, a institución á que leva pertencendo unha vida enteira xa está unida, para a eternidade, ao corazón de Ferrol.

-¿E como chegou vostede ao Toxos con só tres anos?

-Pois todo empezou cando vin bailar unhas nenas do Toxos. Gustoume tanto aquilo, que non calei ata que miña nai me levou a aprender a bailar. Ela pensaba que era algo do que me ía cansar moi axiña pero, como salta á vista, non foi así. Desde aquela pertenzo ao Toxos, e aquí sigo. E contentísima, ademais.

-¿Que é hoxe o Toxos para vostede?

-O Toxos, para min, é mil cousas diferentes. Pero, por riba de calquera outra, é parte da miña familia. Eu hoxe non entendería a miña vida sen o Toxos, para min é algo fundamental. Cousa que, por certo, non só me ocorre a min, senón que lle ocorre a moitísima xente. Porque Ferrol, desde sempre, quérelle moito ao Toxos, e o Toxos quérelle moito a Ferrol.

-Un longo camiño, o que se leva andado desde 1915.

-Moito, moitísimo. Un camiño longo, por momentos moi difícil, e con absoluta fidelidade sempre á cultura de Galicia. O Toxos foi desde o primeiro momento un gran referente para a cultura do noso país.

-Entre todos os fitos históricos protagonizados polo coro, ¿cal é o que ten, para vostede, unha connotación máis emotiva?

-Son moitos. A verdade é que me resultaría moi difícil, entre tantos, elixir un só. Pero hai tres cousas que me parecen especialmente significativas, e que para min teñen unha dimensión moi especial: a primeira, o feito de que, en tempos que nada se parecían aos de hoxe, o coro foi quen protagonizou a primeira gravación íntegra de Himno Galego; a segunda, o permanente compromiso do Toxos coa bandeira de Galicia; e a terceira, a constante defensa da lingua galega en todos os ámbitos, entre eles os documentos oficiais.

-¿Canta xente leva formado parte do Toxos ao longo da súa historia?

-Moita xente, moitísima. Non teño o dato exacto, pero o que si podo dicir é que o 90 por cento das familias ferrolás tiveron algún membro, en maior ou menor grado de parentesco, que foi corista. E isto, que é algo no que se pensa poucas veces, explica moi ben o afecto da cidade polo Real Coro. O Toxos sempre tivo e terá as súas portas abertas para todo o mundo. E esa é unha das razóns polas que tamén é un espello no que se mira a cidade desde hai máis dun século: porque polo Toxos pasou, pasa e pasará xente de formas de pensar moi diferentes, sen ningunha exclusión.