Non é a primeira vez que escribo neste espazo sobre o barrio de Canido. Nesta ocasión, fágoo sobre a noticia da semana: a aparición dun grafiti asinado por Banksy na parede reservada para este xenio universal do arte urbano.
A estas alturas da película, ninguén pon en dúbida o impacto que tivo a campaña publicitaria dunha coñecida marca de cervexa -á que aproveito para pedirlle que reconsidere algúns patrocinios, sobre todo os vinculados co deporte feminino, que en Ferrol tantas alegrías está a darnos, pero que necesita a axuda de firmas potentes-, que para promocionar a celebración das Meninas destinou unha parede a Banksy e fixo un chamamento á súa participación neste evento a través dos principais diarios do mundo e de valos publicitarios.
Banksy, facendo gala da súa habitual rebeldía, non acudiu á chamada, pero, grazas á campaña -recoñecida nos premios Genio- as Meninas déronse a coñecer a todo o mundo e o que era un evento artístico e reivindicativo iniciado por un artista que ama Canido, Eduardo Hermida, converteuse nun referente internacional de arte urbana.
Agora, o afamado e anónimo artista de rúa volve saltar á palestra porque, de ser seu o grafiti, sería a súa primeira obra en España e Canido converteríase nunha especie de Louvre de arte urbana. Se non, que non cunda o pánico, porque ademais de tratarse dunha boa copia, o barrio seguirá sendo un referente artístico e cultural grazas a persoas como Edu e a outras moitas que souberon, e saben, dinamizar o barrio a través deste tipo de iniciativas e doutras promovidas por un amplo e solvente movemento asociativo.