Universidade

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL CIUDAD

11 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando o cardeal Cisneros fundou a Universidade Complutense coñecía os vicios e miserias nas que caen as comunidades humanas. Entre os vicios estaba (e está) a soberbia do poder, as arelas de ser superior, as vaidades da intelixencia ou a aparencia de intelixencia. A universidade é a casa dos sabios. ¿Quen non quere ser considerado sabio da tribo?

Era aquela Universidade Complutense un lugar onde se podían desenvolver con liberdade os humanistas do Renacemento. Pouco duraron os ventos de liberdade. Aínda que sabemos das miserias e das trapalladas do convento máis cativo, queremos pensar que todo queda superado polos principios de honradez, de moral, de dignidade e mais de caridade cristiá.

Pero... Contáronme as liortas polo poder na Universidade da Coruña (e do Campus de Ferrol, o seu apéndice) e confeso que me entristeceron. Foron moitos os traballos e as ilusións postas nos beneficios de ter unha universidade. Ás veces semellan os campus universitarios xardíns pisoteados. Esmagados polos bárbaros. O caso do máster da política Cifuentes vén poñernos diante da cara «o rei espido». Cisneros soñou unha universidade mellor cás que había. Gallardón fundou a Universidad Juan Carlos I para ter un traxe á medida. Títulos á carta. Os resultados, un desastre. Pero nada que non teña ocorrido neste mundo de vaidades.

A carraxe de Cifuentes berra: ¿Por qué a min e non a todos eses? Ten razón no 50 %, pero pasa que ti tamén, Cifuentes. O «ti máis», tradúcese por «eu tamén».